Sohail Noori, acollido no 2022 por España ao estar en perigo tras ter colaborado coa AECID en proxectos de empoderamento da muller afgá, aportará a súa experiencia como activista
O filme de animación ofrecido polo Cineclub Val Miñor-Alice Guy e o Concello narra as vicisitudes dunha parella de namorados no Cabul de 1998 ocupado polos talibáns
O Concello de Nigrán ofrece este xoves 30 de Marzo o coloquio de Sohail Noori, presidente da ‘Asociación para el Apoyo de la Comunidad Afgana en España’ (ACAE), tras a proxección ás 20:30 horas no Auditorio Municipal do filme ‘Las Golondrinas de Kabul’ a cargo do cine-club Val Miñor Alice-Guy. A súa experiencia como activista afgán en defensa dos dereitos das mulleres complementará a visión ofrecida por esta película de animación francesa, que narra o Kabul de 1998, unha cidade en ruínas ocupada polos Talibáns, onde unha parella de namorados trata de sobrevivir día a día.
“É un luxo poder traer a Nigrán a Sohail Noori e que, en primeira persoa, nos narre as súas vivencias como activista afgán na defensa dos dereitos das mulleres e as consecuencias que iso lle supuxo”, considera o alcalde, Juan González, quen agradece a disposición inmediata de Sohail, residente en Vigo e recentemente elixido presidente de ACAE, entidade cunha dirección paritaria entre homes e mulleres e formada por 500 afgás en España (a maioría delas repatriadas polo goberno de Pedro Sánchez no 2021 tras a chegada dos talibáns a Cabul).
Sohail e a súa familia non forman parte dos refuxiados chegados a España nos avións fretados polo goberno español tras a ocupación talibán de Cabul (15 de agosto de 2021). El só voou cara a Uzbequistán 5 días antes. “Sabíamos que estaban a piques de chegar e o risco era extremo porque eu xa estaba moi sinalado por ter sido colaborador estreito da presidencia, polas miñas actividades coa AECID (responsable do programa sobre igualdade de xénero durante anos) e tamén por crear a miña propia organización AWARDO, adicado ao empoderamento da muller rural afgá”, indica Noori, quen tras un periplo de 4 meses entre Uzbequistán e Pakistán e acadar reunirse neste derradeiro país coa súa muller e cos seus 4 fillos ao fin logrou os visados e salvoconductos para entrar a España en Xaneiro de 2022 coa categoría de refuxiados (máis tarde, conseguíu traer ao pai e á nai). Tras uns primeiros meses acollido en Madrid finalmente foi trasladado a Vigo, formando parte da media ducia de familias na mesma situación que residen en Galicia (a maioría nesta cidade). “Foi un acerto non agardar a que chegaran os talibáns e saír antes porque viñeron a miña casa varias veces xa nas súas primeiras horas na capital. A miña familia estivo escondida por moitos lugares antes de lograr entrar en Pakistán”, explica Noori, quen vive coa “dor e angustia” de ter todavía parentes directos agochados no seu propio país.
“Non tiña futuro no Afganistán talibán. A min seguramente mataríanme ou prenderíanme e as miñas 3 fillas non poderían ir a escola, só este feito me produciría unha dor insoportable. As novas que recibo diariamente son angustiosas, a regresión sobre o obtido nos 20 anos anteriores é absoluta”. Grazas ás novas tecnoloxías Noori mantén un contacto moi estreito cos achegados que permanecen no seu país e os que tiveron que fuxir, cos que se reuníu recentemente en Madrid ou en Vigo para festexar o ano novo persa.
“A angustia e a tristeza de marchar e perder toda a nosa vida é inmensa, pero a verdade é que estamos felices en Vigo, a xente é moi aberta, fomos moi ben acollidos. Os galegos son moi hospitalarios e síntome moi integrado no barrio. Os meus 4 fillos van moi contentos ao CEIP Ramón y Cajal-Picacho e aquí está o futuro de paz e igualdade que desexo para eles”, finaliza Sohail.



