A Xunta de Goberno Local aproba as bases dos concursos da Festa dos Maios de Ourense, que aumentan este ano a contía dos premios
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá a convocatoria para a concesión de axudas ás familias para adquirir libros de texto, material escolar e prazas de comedor escolar durante o próximo curso 20923/2024. A convocatoria ten un orzamento total de 294.250 euros. Na mesma sesión, o goberno local aprobou as bases da próxima edición do concurso que premiará os mellores maios e coplas da próxima festa dos Maios de Ourense 2023, que terá lugar o domingo, 7 de maio. O Concello incrementa os premios nesta convocatoria, de xeito que quen realice o mellor maio artístico recibirá 900 euros e o mellor enxebre, 600. Tamén aumentan os segundos e terceiros premios: 700 e 500 para os artísticos, e 400 e 300 para os enxebres, e se amplían a 3 os premios do apartado de maios infantís, dotados con 300, 200 e 100€.
O alcalde, Gonzalo Jácome destacou que se trata dunha grande festividade de Ourense, que coincidirá ademais coa celebración do Día da Nai, para a que agarda unha grande participación, tanto de escolares como de persoas adultas, e se completará con actuacións musicais de relevancia na Praza Maior.
Con este asunto, a sesión ordinaria desta semana da Xunta de Goberno Local, deu conta dun total de 12 asuntos presentados polos diferentes servizos municipais.
Licenzas (4)
Conceder licenza de obra para o proxecto básico e de execución relativo á construción dunha vivenda unifamiliar na rúa Eligio González
Conceder licenza de obra de acondicionamento para accesibilidade de portal, nun edificio de vivendas na avenida de Portugal
Conceder a licenza de obra para o proxecto básico e de execución de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar no Camiño Lobishome
Conceder a licenza de obra para mellorar as condicións de accesibilidade dun inmoble na rúa da Coruña
Servizo de Planeamento (1)
Inadmitir unha folla de aprecio dentro dun procedemento de expropiación.
Patrimonio (3)
Estimar unha reclamación de responsabilidade patrimonial por danos a un vehículo como consecuencia da actuación do guindastre municipal e iniciar o expediente para exercitar o dereito de repetición contra a concesionaria do servizo
Desestimar o recurso dun condutor fronte ao acordo de arquivo dunha reclamación de responsabilidade patrimonial por danos nun vehículo
Recoñecer unha obriga de 1.360,88 euros a favor dunha compañía aseguradora en concepto de exceso consignado por unha indemnización de responsabilidade patrimonial
Servizo de Rehabilitación (1)
Outorgar definitivamente a subvención solicitada por unha veciña para realizar obras de rehabilitación dunha vivenda na Avenida de Portugal, no marco da Área de Rexeneración e Renovación Urbana ARRU O Polvorín, As Camelias, A Carballeira, 6ª Fase. O proxecto consistiu na reforma do baño da vivenda e recibirá unha subvención de 4.783,80 euros
Artes e festexos (1)
Aprobar as bases e a convocatoria do Concurso de Maios e coplas de Ourense 2023, e o gasto, por importe de 18.000,00 euros.
Poderán participar nesta convocatoria todas as asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e calquera persoa que o desexe, sempre que sexa maior de idade. Poderán concorrer nas categorías de:
Maio Enxebre: o tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros. O 1º premio será de 600€, o 2º de 400 e o 3º de 300.
Maio Artístico: o que recrea, cos elementos tradicionais, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte do pobo ou da cidade, personaxes, etc. O 1º premio será de 900€, o 2º de 700€, e o 3º de 500€
Maio infantil, realizado por nenos e nenas, menores de 18 anos, colexios, ANPAs, etc. En todos os casos, utilizando materiais tradicionais: madeira, sacos de esparto, musgo, xestas, uces, carqueixas, carrabouxos, flores silvestres… O 1º premio será de 300€, o 2º de 200€, e o 3º de 100€
Mellores coplas infantís e de persoas adultas. Cantaranse xunto ao maio e valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados, o uso da melodía tradicional e que as estrofas vaian enlazadas. Haberá premios de 300 á mellor copla infantil e de persoas adultas
O prazo de inscrición rematará o día 2 de maio ás 14.00 horas
Xestión económica e orzamentaria (1)
Aprobar unha relación de facturas, por un importe total de 202.946,96€, correspondentes a gastos realizados no exercicio 2022 e 2021 (unha delas) que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nos devanditos exercicios.
Asuntos sociais (1)
Aprobar a convocatoria para a concesión de axudas en especie do Concello de Ourense para libros de texto, material escolar e comedor escolar correspondentes ao curso 2023-2024. A convocatoria está dotada dun orzamento total de 25.000 euros para axudas de libros de texto e material escolar, e de 269.250 euros para comedores escolares.
A convocatoria ten por obxecto conceder axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar e para comedor escolar, ás unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo que teñan nenos e nenas ao seu cargo que estuden en centros públicos ou concertados do Concello de Ourense, nos que non se segregue ao alumnado por sexo.
Son destinatarias das axudas as unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes e empadroadas no Concello de Ourense, con 3 meses mínimo de antigüidade, que non superen os 4.000€ de renda per cápita anual (no caso das axudas de libros e material escolar) e os 3.700€ (no caso das axudas para comedores escolares). Computarase un membro máis no caso de discapacidade igual ou superior ao 33%, e tamén no caso de ser familia monoparental.
As solicitudes presentaranse no prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. Os impresos de solicitude da subvención estarán dispoñibles na páxina web municipal www.ourense.gal



