HomePontevedraPoioMarga Caldas insta á Xunta a que axilice a tramitación da construción...

Marga Caldas insta á Xunta a que axilice a tramitación da construción do novo Centro de Saúde

- Anuncio -spot_img

• Na súa comparecencia no Pleno, a titular de Sanidade garantiu que o Concello de Poio está a dar “todos os pasos necesarios” para que Poio conte nun futuro próximo “cunhas instalacións cos recursos e o persoal necesario para dar resposta ás necesidades da veciñanza”

A concelleira de Sanidade, a nacionalista Marga Caldas, realizou unha intervención no Pleno ordinario deste mes de marzo na que deu conta dos trámites que está a acometer o Concello de cara a facilitar a construción do futuro Centro de Saúde por parte da Xunta de Galicia. Na súa comparecencia, Caldas deixou patente que a Administración local está a dar “todos os pasos necesarios para que Poio conte nun futuro próximo cun Centro de Saúde con persoal e recursos suficientes para dar resposta ás necesidades da veciñanza”, ao tempo que solicitou á Consellería de Sanidade que tamén “axilice ao máximo” esta tramitación.

Marga Caldas, que xa dera conta de toda a información na Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios celebrada a pasada semana ante os representantes do tecido asociativo que forma parte da mesma, explicou que os técnicos municipais están analizando a mellor fórmula para completar o proceso urbanístico axeitado para a construción do futuro centro sanitario, que se emprazará nos terreos situados na Granxa, en San Xoán, recentemente adquiridos pola Administración local, cun investimento de 300.000 euros e que tamén acollerán outros equipamentos municipais. Asemade, insistiu en que os tempos para a construción dependerán da Consellería de Sanidade, responsable da actuación. “Desde o Concello puxemos os terreos a disposición e enviamos toda a documentación requirida.

Agora, confiamos en que os técnicos autonómicos revisen a zona o antes posible para concretar a segregación, se ben é certo que o feito de que exista un estudo topográfico previo facilitará o proceso”, adiantou a nacionalista.

Por último, Marga Caldas tamén se referiu á dotación e mellora dos accesos, deixando claro que a prioridade será apostar por cesións de parcelas. “Entendemos que a prioridade debe ser negociar coas persoas propietarias”, apuntou, ao tempo que lembrou que non existe ningunha vivenda afectada. A concelleira de Sanidade confía en que a Xunta de Galicia “dea a prioridade que merece esta actuación” e redundou no compromiso por parte de Concello á hora de colaborar e cumprir “cos nosos deberes como Administración local”.

Publicacións Relacionadas