- Destinaranse 87.000 euros para a adquisición das 15 parcelas necesarias
- Soutomaior segue dando pasos adiante na construción do seu novo centro de saúde. O pleno da corporación municipal aprobou esta mañá, grazas aos votos do goberno local tras a abstención do BNG, o inicio do proceso de expropiación das 15 parcelas necesarias situadas fronte ao IES Soutomaior nas que se asentará o novo ambulatorio. O custo da adquisición dos terreos ascenderá a 87.027,98 euros que serán financiados exclusivamente con fondos municipais.
- Así, segundo indicou o alcalde durante o pleno, a superficie total das quince parcelas alcanza os 7.655 metros cadrados. “Espazo suficiente para un centro de saúde moderno, versátil e funcional que permita satisfacer sobradamente as necesidades do municipio”, apuntou Reguera tras explicar que o centro contará cunha superficie construída de 1500 metros cadrados e máis de 6000 metros dedicados a zonas de aparcamento e servizos.
- Este centro substituirá ao actual ambulatorio de Arcade e ao consultorio de Soutomaior, polo que terá capacidade suficiente para acoller a novos médicos que alivien a situación da atención sanitaria no municipio.
- Outras mocións
- Do mesmo xeito, o pleno da corporación municipal tamén aprobou, nesta ocasión por unanimidade, as mocións presentadas polo Bloque Nacionalista sobre educación e defensa da sanidade pública. Un voto favorable que o alcalde xustificou indicando que “a mellor defensa da sanidade pública no municipio que podemos lograr é a construción do novo centro de saúde”, concluíu Reguera.



