O alcalde asistiu á presentación do vehículo, de 8 metros de lonxitude, con capacidade para 55 persoas, caracterízado pola súa “grande manobrabilidade”
Gonzalo Jácome destaca que son vehículos “feitos especificamente para Ourense” e suporán “un gran avance para a cidade”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asistiu esta mediodía á presentación do primeiro dos 15 novos minibuses que durante as próximas semanas chegarán á cidade para incorporarse ao servizo de transporte urbano. Son vehículos da marca xaponesa Isuzu, únicos no mercado que reúnen as condicións de autobús urbano de 8 metros de lonxitude con plataforma baixa.
Serán subministrados pola empresa Mobility Bus, importadores e distribuidores de Isuzu. O director xerente de Mobility Bus, Javier Simón, salientou que se trata de vehículos “moi manexables”, dotados cunha “grande manobrabilidade”. Teñen motor FPT, duns 186 cabalos, capacidade para 34-35 persoas de pé e 20 sentadas e espazo para persoas con mobilidade reducida. Esta mañá recibiuse na Praza Maior a primeira das 15 unidades, fabricadas en Estambul. Outras 4 están de camiño e as 10 restantes chegarán nas próximas semanas. Matricularanse proximamente para incorporarse ao longo do mes de abril.
O alcalde resaltou que “chega a España a primeira unidade duns autobuses feitos especificamente para Ourense”. Son vehículos da marca xaponesa Isuzu que reúnen unhas condicións que non tiña ningún fabricante europeo: son autobuses urbanos pequenos, de 8 metros de lonxitude, con plataforma baixa. Suporán “un grande avance para Ourense”, asegurou Pérez Jácome, xa que proporcionarán unha maior comodidade ás persoas usuarias, especialmente para subir e baixar, permitirán realizar xiros máis áxiles e aforrarán combustible en rutas onde non se transporten máis de 35 persoas.
O custo dos 15 miniautobuses supón o 17% do importe total dos 14 millóns de euros que o Concello está a investir na adquisición de novos autobuses. O 83% restante, uns 11.500.000 euros, están moi preto de rematarse na fábrica ourensá de UNVI, no Polígono: os primeiros 10 eléctricos de Galicia e 15 diésel de última xeración.



