― Co remate das actuais obras, este centro de Atención Primaria incrementará o seu número de consultas nun 50% , pasando das 6 das que dispoñía ata as 9 consultas
― Esta actuación forma parte dás obras do Plan de Mellora da Atención Primaria na Área Sanitaria, que tamén efectuou outras intervencións e equipamentos doutros centros de saúde de Pontevedra e O Salnés
A Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés rematará nas vindeiras datas as obras de remodelación e mellora do centro de saúde de Ribadumia, localidade onde a Administración Sanitaria Pública galega investiu unha partida orzamentaria de 56.000 euros para dotar ao citado punto de Atención Primaria dun maior número de espazos de consultas que aporten un maior confort aos usuarios e profesionais que prestan servizo neste centro de saúde.
Co remate das actuais obras de mellora e remodelación, o centro de saúde ribadumiense incrementará notablemente o seu número de consultas nun 50%, pasando das 6 das que dispoñía ata as 9 consultas, quedando distribuídas do seguinte xeito: na área Pediátrica, 1 consulta pediatría e 1 de enfermería pediátrica; na área xeral contaráse con 3 consultas Medicina de Familia e 3 consultas de enfermaría; e na área de urxencias, 1 consulta polivalente e un box de urxencias.
Así mesmo, as actuais obras de mellora e remodelación do centro de saúde ribadumiense contemplan a renovación da súas áreas de administración e de cita previa, á vez que se dota dunha sala de reunións/descanso e un aseo para os profesionais.
A Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén renovou con este proxecto arquitectónico no centro de saúde de Ribadumia os seus aseos de público, cunha especial aportación no aseo adaptado, que veu mellorada a súa funcionalidade e se redeseñou para prestar servizo hixiénico a pacientes ostomizados desta comarca.
Outras actuacións integradas no Plan de Mellora da Atención Primaria
Dita actuación forma parte dás obras do Plan de Mellora da Atención Primaria que, na Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés contemplaron tamén intervencións de mellora nos centros de saúde de Virxe Peregrina en Pontevedra, Tenorio en Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, San Roque en Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.
Dentro deste mesmo Plan de Mellora da Atención Primaria, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de renovar así mesmo o ecógrafo do centro de saúde de Bueu.
O novo equipo do que dispón dito centro de Atención Primaria morracense conta cun doppler en cor e 3 sondas, que permitirá aos profesionais contar cunha nova ferramenta diagnóstica de alta resolución e potenciar a súa capacidade formativa no Plan MIR. O investimento neste equipo por parte da Administración Sanitaria Pública galega superou os 16.000 euros.
Dentro deste Plan de Mellora da Atención Primaria, a Área Sanitaria tamén está a implantar outras melloras en equipamentos de centros de saúde de Pontevedra e O Salnés coma son 5 electrocardiógrafos, 3 monitores de Índice Nocello-Brazo (ITB) para diagnoses de enfermidades arteriais periféricas, 14 monitores ambulatorios de tensión arterial, 20 básculas impedianciómetros, así coma a adquisición de varias padiolas e plicómetros.
Con este equipamento, o investimento executado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acada os 90.000 euros.



