Home Pontevedra Barro A Deputación saúda en Barro o programa máis feminino de emprendemento con...

A Deputación saúda en Barro o programa máis feminino de emprendemento con 8 mulleres participantes

- Anuncio -

A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde de Barro coñeceron os proxectos que se benefician da segunda edición desta iniciativa de SmartPeme

Oito mulleres de Pontevedra, Salvaterra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa están a participar na segunda edición do Programa de Emprendemento de SmartPeme no Viveiro de Empresas situado no Polígono de Barro. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, visitou hoxe as instalacións provinciais onde se están levando a cabo as actividades do programa, para coñecer de primeira man os proxectos promovidos por estas oito mulleres da provincia e mais o desenvolvemento do programa. As oito mulleres están a recibir desde o 21 de abril, e durante un período de tres meses, formación e asesoramento por parte do equipo profesional de SmartPeme para coñecer as claves que lles permitan mellorar a súa competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresas e de márketing ou tamén unha identidade corporativa. No marco da xornada de hoxe tamén participaron nunha sesión de Lego Serious Play.

Carmela Silva puxo en valor o feito de que todos os proxectos estean liderados por mulleres porque “no ámbito da economía temos moitos pasos que dar, e temos que seguir sendo moitas máis mulleres para poder chegar á metade, xa que eles aínda son moitos máis” malia que “as mulleres sexamos máis do 60% das persoas tituladas universitarias e, polo tanto, a maioría do talento”. A presidenta asegurou que os proxectos destas oito mulleres “están centrados nas persoas e buscan o benestar da cidadanía”, e sinalou que “se a COVID-19 nos ensinou algo foi que hai moitos problemas de benestar, físico e mental, para os que precisamos solucións como as que vós ides emprender”. Ademais, tamén destacou os proxectos vinculados á gastronomía, “algo que nos identifica”, e á artesanía, “que nos fai sentir moito orgullo e debemos traer ao século XXI pero conservando as nosas raíces, porque a xente busca o auténtico e o que nos diferenza”. Por todas estas razóns, a presidenta deulles “a benvida, ánimos e as grazas” ás participantes: “por ser valentes, dar pasos cara a adiante, ser optimistas e crer nas vosas ideas”, polo que lles trasladou os seus mellores desexos para “que vos vaia moi ben e que os vosos soños se consoliden”.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, deu os parabéns ás participantes e asegurou que “é un orgullo que teñamos en Barro este edificio que funciona como núcleo central de apoio ás persoas emprendedoras, e ademais dentro dun polígono que segue medrando e enchéndose de actividade económica”. O rexedor puxo en valor que “as persoas profesionais de SmartPeme son unha marabilla e sempre conseguen os obxectivos que se propoñen, e ademais a Deputación sempre tivo clara a súa misión. Se as moitísimas iniciativas que puxo en marcha funcionan é pola súa implicación e o seu esforzo”, e grazas a elas “todas as persoas que pasan por aquí saen moi satisfeitas de ter participado e puxeron en marcha as iniciativas que tiñan nas súas cabezas”.

No programa participan Sonia Limés, de Pontevedra (coa empresa “Alecrín Atención Temprana”), Beatriz Amorín, de Pontevedra (con “BAmorin”, proxecto de ioga), Susana Rodríguez, de Salvaterra (co proxecto “Hiar, Artesanía en Estampado Botánico”), Patricia Josefina Hernández, de Pontevedra (coa firma de sobremesas en tarros “Dulces Prodigios”), María Agustina Pereira, de Vigo (“Gestión Integral de Subvenciones”, empresa que axuda a pemes e persoas autónomas a impulsar os seus negocios), Ángeles Oubiña, de Vilagarcía (cun proxecto para elaborar un produto de protección UV), Eloísa Puig, de Pontevedra (con “Musggo Yoga”), e Aida Mascato, de Sanxenxo (con “Carmencitas”, dedicada á produción de tartas e doces e organización de eventos).

O programa conta con dúas fases. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades de capacitación, compostas por distintos talleres enfocados á creación dun plan de empresa, márketing dixital, web, desenvolvemento de habilidades empresariais ou finanzas. Estas sesións, dinámicas e innovadoras, buscan potenciar os proxectos e favorecer tanto a colaboración como a creación de sinerxías co resto de persoas participantes. A segunda fase será a de mentorización, que constará de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en emprendemento, novas tecnoloxías e imaxe dixital (todas elas adaptadas ás necesidades de cada proxecto). O itinerario suma un total de 60 horas de actividades presenciais e virtuais, segundo as necesidades das persoas participantes. As presenciais desenvólvense no Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPeme no Viveiro de Empresas de Barro, para colaborar no fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sostible.

As oito mulleres do II Programa de Emprendemento de Barro participaron hoxe nunha sesión de Lego Serious Play, unha metodoloxía na que a partir de pezas deste xogo de construción deben crear e construír ideas innovadoras que dean resposta a problemas cos que se atopan no seu día a día, explorando as relacións e conexións entre as persoas e o mundo, observando as dinámicas, explorando escenarios hipotéticos e tomando conciencia de todas as posibilidades.

Relacionadas

A actividade “Lectura na rúa” congregará a un milleiro de persoas na Alameda de...

0
O vindeiro 8 de maio a Alameda Castelao acollerá a IV edición da actividade “Lectura na rúa”, unha iniciativa que xurdiu en maio de...

Redondela oferta preto de 500 prazas para a rapazada nos campamentos de conciliación de...

0
- Os campamentos está dirixidos á rapazada con idades de 3 a 12 anos, con actividades nos meses de xullo e agosto, en horario...

“Maxia tola e lectora” na Biblioteca Municipal de Tui con Leo Leiño

0
O vindeiro martes 7 de maio para a rapazada dende os 6 anos Continuando coa programación de “Tui en letras 2024” que oferta máis dunha...

Mondariz recoñeceu o traballo e valentía das primeiras mulleres concelleiras

0
Das súas ganas de aportar e mellorar o mundo, de introducir a perspectiva da muller nos asuntos dun concello e dos sabores e sinsabores...

Conto en inglés para os nosos pequenos no Multiusos Mercado de Sabarís

0
Kid´s & us organiza unha xornada de conta contos en inglés coa colaboración do Concello de Baiona. O evento celebrarase o vindeiro sábado 11...

O Concello de Covelo acolle a II fase de niveis libre de patinaxe

0
Organizada polo Club Covelo Patinaxe Artístico recibirá a 270 deportistas de Pontevedra e Ourense O Concello de Covelo recibirá a 270 patinadoras e patinadores de...

Publicacións Relacionadas