Home Deputacións Deputación Pontevedra O IES Illa de Ons de Bueu acolle este xoves a primeira...

O IES Illa de Ons de Bueu acolle este xoves a primeira das charlas científicas en centros educativos do ciclo “Aida Fernández Ríos”

- Anuncio -

A directora do Campus Innova Susana Ladra impartirá a conferencia “Big data e Xenómica”, coa que a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias inician as charlas que achegarán a ciencia e a tecnoloxía a 5 centros educativos da provincia

O IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega esta semana aos centros educativos da provincia con coloquios adaptados ao público mozo. A primeira das xornadas terá lugar este xoves, 25 de maio, no IES Illa de Ons (Bueu) onde Susana Ladra González, directora do Campus Innova, investigadora do CITIC e profesora no Departamento de Ciencias da Computación e das Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, abordará o “Big data e Xenómica” para dar a coñecer como sobrevivir ante a avalancha de datos e como se poden analizar e utilizar para avanzar no coñecemento das especies ou enfermidades.

Trala conferencia en Bueu o ciclo continuará a súa andaina por centros educativos o 5 de xuño, cando recalará no IES María Soliño (Cangas) onde María Dolores Mayán Santos, xefa do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) do CHUAC abordará as “Novas terapias que están revolucionando o tratamento contra o cancro”. Na súa conferencia a científica explicará cuestións relativas á inmunoterapia e terapias dirixidas a dianas presentes nas células tumorais.

Xunto a estas dúas charlas, o ciclo continuará ao longo do ano noutros tres centros educativos da provincia con “Superbacterias e One Health: do filete ao raposo e á diarrea”, a cargo de Azucena Mora, profesora titular de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria da Universidade de Santiago; “O que agochan os datos” a cargo de Rosa Crujeiras, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia da Universidade de Santiago; e “Pequenas heroínas: bacterias que degradan o plástico” a cargo de Sabela Balboa, investigadora Ramón y Cajal no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC.

Seminarios web abertos ao público en xeral
Pola súa banda, os seminarios web dirixidos ao público en xeral, tamén enmarcados no IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, continúan esta semana a súa andaina. Este xoves ás 19.00 horas Jacobo Porteiro Fresco, catedrático da área de Máquinas e Motores Térmicos da Escola de Enxeñería Industrial no centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, impartirá a conferencia “Combustibles sostibles para un futuro descarbonizado”. Na súa charla afondará no reto que afronta a sociedade para desenvolverse cunha economía na que os combustibles libres de emisión de dióxido de carbono substitúan aos combustibles fósiles actuais.

En xuño, os webinarios continuarán o día 1 ás 19.00 horas e farao da man de Marcos Curty Alonso, catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Vigo Quantum Communication Center da Universidade de Vigo, con “A segunda revolución cuántica: como serán os ordenadores e as comunicacións do futuro?”. O 8 de xuño, á mesma hora, Ana Freire Vega, , profesora titular e directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da Barcelona Scholl of Management, abordará “Como a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde mental?”. Finalmente, o día 15, ás 19.00 horas, será a quenda da “Evolución das nosas células e por que se producen os tumores” da man de David Posada, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. As persoas interesadas en asistir telematicamente e de xeito gratuíto ás conferencias deberán inscribirse en www.depo.gal.

O ciclo Aida Fernández Ríos, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu no ano 2020 como homenaxe a esta investigadora, bióloga oceanógrafa e académica que faleceu en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e formación en igualdade, visibilizando a grandes referentes femininas do ámbito STEAM.

Relacionadas

A Deputación celebra a integración do Museo de Pontevedra en CODART, unha rede de...

0
“Con esta noticia completamos unha semana de grandes avances liderados polo Museo de Pontevedra para converter á provincia no epicentro cultural internacional”, remarcou o...

A Deputación de Pontevedra abre no Palacete das Mendoza a exposición “Música e pintura”...

0
A mostra do artista coruñés poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata o vindeiro 2 de xuño A Deputación de Pontevedra acaba de...

A Deputación leva o programa provincial +Música este sábado a Bueu co concerto de...

0
O calendario do programa inclúe concertos nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que se celebrarán ata o próximo mes de...

A Deputación leva o programa provincial +Música este domingo a Rodeiro con Boyanka Kostova

0
O calendario do programa inclúe concertos nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que se celebrarán ata o próximo mes de...

O concello presenta a primeira edición do concurso Balcóns Floridos

0
O certame premiará aos balcóns mellor decorados e contempla un premio específico para as parroquias  As inscricións estarán abertas ata o próximo 30 de maio O...

Montse Prado acusa ao PP de antepoñer os intereses da empresa de ambulancias da...

0
A deputada do BNG reclama a Sanidade que actúe para rematar coa incerteza na que se atopa o cadro de persoal, que sofre impagos...

Publicacións Relacionadas