Será no Auditorio a partir das 21 horas e a entrada terá un prezo simbólico de 2 euros
O alumnado da Escola Municipal de Teatro de A Illa subirase este sábado ao escenario para representar a obra “Por fin sós!”. Dirixidos por Manuel Solla, o grupo de teatro garantiza algo máis dunha hora de diversión cunha peza cómica e con moito sentido do humor co que a Escola pon o broche final á temporada, ata que en setembro se retomen as clases de ensaio.
“Por fin sós!” chega ao Auditorio de A Illa este sábado ás 21 horas cunha entrada simbólica de 2 euros e co entusiasmo de actrices e actores amateur de contribuir a ofertar unha tarde de ocio á veciñanza arousán cunha peza que aborda a ilusión dunha parella o día da estrea do seu piso, abrindo a porta a unha nova vida. Sen embargo, as expectativas do que sería unha noite ideal só para dous empeza a complicarse coa chegada sorpresiva e inesperada doutras persoas á vivenda.
Manuel Solla, director da Escola Municipal de Teatro, sube ao escenario con esta peza a todo o alumnado da Escola, tanto o grupo máis novo como aos máis veteranos, conxugando idades que van desde os 8 anos ata os 70. “O grupo de mocidade vai facer unha representación inicial moi curta e logo participarán no entramado da obra, na que algúns dos personaxes adultos dobrarán papel”, explica.
En setembro ábrese o prazo cada ano para inscribirse e participar na Escola Municipal de Teatro, cun único ensaio semanal, e aí comezan a escolla da obra a representar, o reparto dos papeis e os ensaios para o gran día, que será mañán; o momento de escenificar todo o aprendido co obxectivo de que a representación mereza os aplausos do público.
“Traballamos todos xuntos, sen diferencias moi marcadas pola idade, e todo flúe e funciona; somos como unha familia na que nos sentimos cómodos e sobre todo, nos divertimos”, apunta Manuel Solla para animar a todo aquel, sen límite de idade, que sinta certa inquedanza polo teatro, a sumarse á Escola cando setembro volva abrir o prazo.



