Home A Coruña A Xunta adxudica por máis de 2,8M€ a instalación de paneis fotovoltaicos...

A Xunta adxudica por máis de 2,8M€ a instalación de paneis fotovoltaicos no almacén de combustible do Complexo de Sogama en Cerceda

- Anuncio -

— O contrato contempla a xestión integral de todo o proceso, desde a elaboración do proxecto de execución ata a remodelación total do tellado da nave

— A enerxía obtida a través desta modalidade destinarase ao autoconsumo da planta de Sogama, reforzando así a aposta da empresa pública polas empresas renovables

A Xunta, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), acaba de adxudicar por un importe de máis de 2,8 M€ a instalación de paneis fotovoltaicos no almacén de CDR (Combustible Derivado dos Residuos non reciclables) do seu complexo en Cerceda, o cal alimenta a planta termoeléctrica.

Máis polo miúdo, o contrato contempla a remodelación íntegra do tellado da nave e inclúe todos os traballos necesarios para levala a cabo: desde a elaboración do proxecto de execución ata a posta en marcha da instalación, que se configurará na modalidade de subministración para autoconsumo, posto que o complexo cercedense dispón de suficientes consumidores como para absorber o total da enerxía xerada.

En canto á nave obxecto da actuación, trátase dunha estrutura de planta rectangular, cuberta a dúas augas e cunhas dimensións aproximadas de 212 x 42 metros destinada a almacenar o combustible derivado dos residuos non reciclables e preparada para alimentar as caldeiras da planta termoeléctrica, na que se xera enerxía suficiente como para abastecer ao 12% dos fogares galegos.

Na cuberta da nave prevense dous campos fotovoltaicos distintos divididos por zonas e orientación da cuberta. Os módulos, que en todo caso deben ser de alta eficiencia e dispoñer de certificado de calidade, serán instalados coa inclinación de cada unha das augas, de tal forma que se adapten completamente á súa xeometría e non orixinen sombras entre elas. Así mesmo, a superficie dos paneis estímase en máis de 8.500 metros cadrados, cunhas 3.300 placas fotovoltaicas de alta eficiencia con potencia 1.982 kWp.

A conversión entre a corrente continua xerada polos paneis á corrente alterna con tensión adecuada para a súa conexión á rede de distribución do complexo, realizarase mediante unha serie de inversores distribuídos pola planta, de tal forma que se minimicen os percorridos de cableado de corrente continua.

O prazo de execución establecido no propio contrato é dun máximo de 30 semanas e dun mínimo de 20, e reflicte a aposta de Sogama polas enerxías renovables. Trátase, concretamente, dun dos proxectos enmarcados no seu plan estratéxico 2024-2030, o cal xirará en torno á dixitalización e descarbonización dos seus procesos, convertendo á enerxía solar fotovoltaica nunha peza fundamental do seu funcionamento.

Por último, cómpre lembrar que as tres plantas de biorresiduos que se atopan na rede de valorización da materia orgánica deseñada pola Xunta de Galicia e executada por Sogama, isto é, Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra), serán autosuficientes desde o punto de vista enerxético ao aproveitar, para a súa operativa industrial, a enerxía solar.

Relacionadas

Así de espectacular será este ano o Nadal en Carballo!

0
A carpa da Praza do Concello será “o centro neurálxico” do programa, que tamén encherá de actividade o Pazo da Cultura, o Fórum, as...

Inés Rey reclama un maior recoñecemento ás mulleres no eido gastronómico na presentación de...

0
A alcaldesa participou no acto de presentación do libro de Xavier Castro A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de presentación do libro...

Oito locais de hostalaría da Coruña optan á mellor tapa da cidade a través...

0
O xurado profesional seleccionou as creacións de oito locais, dun total de 44 participantes, con dez tapas elixidas para ser finalistas: cinco na modalidade...

O concello dá a benvida ao Nadal este xovés ás 18:30 horas co acendido...

0
Tamén se presenta a programación cultural municipal para as festas, que contará con moitas iniciativas para o público infantil e familiar. O Nadal chegará este...

Cinco Équidos habitarán o Castro de Montes Claros para realizar o control ecolóxico e...

0
A iniciativa é impulsada polo Concello coa colaboración da Asociación Pura Raza Cabalo Galego e Poni Club Galicia. Desde este mediodía o recinto do Castro...

Neda recibe este mércores a visita dun dos ‘foodtruck’ da campaña GALICIA SABE AMAR

0
Neda recibirá este mércores a visita dun dos foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR, destinada a promocionar os produtos do mar de Galicia, e...

Publicacións Relacionadas