O presidente da Deputación destacou no acto inaugural desta tarde que cando se comprometeu a estar no territorio quería dicir precisamente iso: “estar ao carón de todas aquelas persoas que, co seu esforzo, fan grande esta provincia”
Referendou a colaboración da Deputación para “seguir apoiando ao sector do viño como un dos emblemas no noso territorio”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde na inauguración da XVI Feira do Viño de Monterrei, onde afirmou que esta denominación de orixe “aínda moza, ten unha gran proxección e camiña con pasos decididos cara novos tempos máis maduros”.
Na Alameda de Verín, Luis Menor afirmou que a súa presenza na feira, por vez primeira como presidente provincial, non era unha visita máis: “Quixen estar aquí para significar que cando me comprometín a estar no territorio quería dicir precisamente isto: estar ao carón de todas aquelas persoas que, co seu esforzo, fan grande esta provincia”.
Menor cualificou os viños de Monterrei como “o resultado do laborioso, pero tamén coidado traballo” que fan adegueiros, produtores, colleiteiros e viticultores en xeral, xerando riqueza e emprego neste val e que hoxe toca recoñecer”. O territorio ourensán, lembrou, posúe catro denominacións de orixe, “o que é para sentirse orgullosos” .
Comprometeu tamén a colaboración da Deputación de Ourense, “que vai seguir apoiando ao sector do viño como un dos emblemas do noso territorio”. Na denominación Monterrei, puxo como exemplo, a Deputación conta cunha finca experimental na contorna do Castelo que preserva máis de 40 variedades autóctonas, ademais dun proxecto para o despregamento de estacións agroclimáticas para potenciar a sustentabilidade do sector vitivinícola.