Ademais de ter discapacidade recoñecida, todas as persoas que pasaron por ese programa están en situación de risco ou exclusión social.
A área de Promoción da Autonomía Social que COGAMI ten nas instalacións de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo acolle un servizo de Inclusión e Transición ao Emprego dirixido a persoas con discapacidade ás que se lles pretende favorecer a súa inclusión sociolaboral. No que vai de ano, neste servizo participaron máis de 100 persoas ás que, a través de itinerarios axustados aos seus intereses, déuselles cobertura ás súas necesidades.
Entre as actuacións desenvolvidas, destacan a diagnose, o deseño, o seguimento e a avaliación de cada unha das persoas participantes. Ademais, prestouse acompañamento social e laboral a través do deseño de accións que fortalezan as súas capacidades persoais e de transición ao emprego, a través da realización de intervencións de competencias básicas, tanto individuais como grupais, orientadas a lograr o acceso ao mercado laboral.
Na selección das persoas que forman parte deste programa, ademais de ter unha discapacidade recoñecida, priorizouse naquelas que son perceptoras dunha renda de inclusión social, dun ingreso mínimo vital, en situación de risco ou exclusión social ou aquelas que foron derivadas por equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios ou outras entidades sociais.
Este programa é posible coa cofinanciación da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF de todas as persoas que ao facer a declaración da renda marcaron o recadro de Actividades de Interese Social coñecido pola X Solidaria.