Home Pontevedra Deza ExpoBus Iberia 2023 arranca mañá con 130 firmas expositoras de 18 países,...

ExpoBus Iberia 2023 arranca mañá con 130 firmas expositoras de 18 países, maior carácter internacional e un programa de gran nivel

- Anuncio -

• OS EXPOSITORES DIRECTOS DESTE CERTAME, OS CALES SUMAN 63, PROCEDEN DO DOBRE DE PAÍSES QUE NA PASADA EDICIÓN, SENDO OS ESTRANXEIROS UN 133% MÁIS QUE ENTÓN, MENTRES QUE AS SÚAS XORNADAS CONTARÁN CON DIVERSOS EXPERTOS INTERNACIONAIS

• MESAS REDONDAS, O CONCURSO “MELLOR CONDUTOR/A DE AUTOCARES DE ESPAÑA”, UNHA EXPOSICIÓN DE CLÁSICOS OU UN CIRCUÍTO DE PROBAS SERÁN ALGUNHAS DAS SÚAS ACTIVIDADES

A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, a cal se celebra dende mañá xoves ata o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, arrinca con 130 firmas expositoras de 18 países, das cales 63 son expositores directos de seis países que ocupan unha superficie de 6.703 metros cadrados netos e 26.600 brutos.

Nesta edición o certame aumenta o seu carácter internacional. Así, os seus expositores directos proceden de España, Portugal, Polonia, Países Baixos, Irlanda e Australia, o dobre de países que na súa pasada edición, sendo os estranxeiros un 133% máis que entón. Ademais, as súas xornadas técnicas contarán con diversos expertos internacionais que achegarán a súa experiencia no sector noutros mercados.

ExpoBus Iberia 2023, que dende a súa pasada convocatoria é a segunda maior feira do sector a nivel nacional, conta na súa exposición con moitas das principais empresas fabricantes e carroceiras do sector do autobús, ademais de numerosas compañías relacionadas coa industria auxiliar.

Todas estas entidades conformarán un completo escaparate no que se poderán ver as últimas tendencias e novidades no transporte de viaxeiros por estrada, tanto en vehículos como en equipamento, sistemas, servizos e solucións tecnolóxicas orientadas a ofrecer solucións de mobilidade para mellorar a vida dos cidadáns. Eficiencia, sustentabilidade, seguridade, accesibilidade ou dixitalización serán algúns dos aspectos que destacarán na exposición.

Un programa de primeiro nivel

ExpoBus Iberia 2023, que conta coa colaboración da Asociación Nacional de Fabricantes de Carrocerías de Autobuses (ASCABUS), ofrecerá un atractivo programa de actividades, destacando as propostas técnicas pero contando ademais con algunhas máis lúdicas.

En canto ás súas xornadas técnicas, abriranse co director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, e cos presidentes das tres principais asociacións nacionais de transporte de viaxeiros, como son a Asociación Nacional de Empresarios de Transporte en Autocares (ANETRA); a Confederación Española de Transporte en Autobús (CONFEBUS), e a Asociación de Empresas de Autocares (DIREBUS). Os tres presidentes achegarán o seu punto de vista sobre a situación do sector en España.

Ese mesmo día expertos de Marrocos, Países Baixos, Portugal e España falarán sobre transporte discrecional de viaxeiros nos seus países, noutra mesa patrocinada por ANETRA, entidade que tamén levará a cabo unha conferencia motivacional que axudará ás empresas para dirixir, motivar e comprometer aos seus equipos.

O segundo día as xornadas centraranse en solucións sostibles para frotas de longo percorrido, o novo tacógrafo intelixente e tamén a reestruturación de débedas e beneficios da nova lei concursal, coa participación de media ducia de profesionais do sector. Xa o último día haberá unha mesa de debate tanto presencial como telemática sobre a mobilidade urbana como un negocio, centrándose nos grandes operadores globais que operan con distintos sistemas como bicis, patinetes, loxística ou mesmo sharing (mobilidade compartida), ademais de abordarse noutra conferencia a situación da profesión do condutor de autocar en España.

Outra proposta será o concurso “Mellor Condutor/a de Autocares de España 2023”, o cal conta con Man Truck & Bus como patrocinador principal e con Irizar, o Sindicato Libre de Transporte (SLT), Lextransport e Universidade de Valladolid como patrocinadores da entrega de premios. Participarán preto de medio centenar de condutores e condutoras de nove comunidades autónomas, os cales serán avaliados en distintos aspectos teóricos e prácticos, como a suavidade na condución, a anticipación, a habilidade ou os hábitos.

Tamén dentro do programa máis profesional da feira incluirase un circuíto de probas no que varias empresas poñerán ao dispor dos seus potenciais clientes a posibilidade de conducir algún dos seus modelos tanto polo espazo exterior do recinto como por estrada. Ademais, numerosos expositores farán presentacións de produtos e servizos e levaranse a cabo asembleas de asociados e empresarios do sector por parte de entidades deste ámbito.

En canto ás actividades máis lúdicas, destacará unha exposición de clásicos na que se poderán ver desde un dos primeiros autobuses do mercado, un Ford T de 1908, ou un autobús de 1935 que é o único do seu modelo que se conserva, ata pioneiros como un vehículo que se presentou no salón de Xenebra de 1955 como o primeiro autobús compacto ou vehículos de luxo dende a década dos corenta con orixinais extras da época. Estas auténticas xoias sobre rodas pertencen a seis empresas: Empresa Cuiña e Transportes Mosquera (grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Empresa Lázara e Autocares de Santiago.

Relacionadas

O Rosal inaugura a Oficina da Enerxía para liderar a transición enerxética no municipio

0
O acto inaugural será o vindeiro martes 21 de xaneiro ás 20.00 h no Salón de exposicións do Concello O Rosal segue a dar pasos...

A camelia protagonista esta fin de semana en Tui

0
Setenta e cinco expositores galegos, portugueses e asturianos presentarán no Claustro da Catedral acollerá máis de 125 metros cadrados dedicados a esta flor O Claustro...

Mos avanza nas reunións veciñais cun rexeitamento rotundo á nova A52 noutra sesión informativa...

0
Tras as reunións coas parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga, hoxe celebrouse unha nova xuntanza con Pereiras. Existe previsión de ampliar nos días 22, 27...

Digna Rivas: “Ao negar a represión franquista en San Simón o PP actúa como...

0
Para a rexedora redondelá, as declaracións do deputado popular José Luis Ferro o único que fan é “branquear o franquismo, actuando como cómplice da...

O BNG esixe melloras urxentes en dúas estradas municipais en mal estado

0
Davinia Lojo reclama ao Concello de Marín actuacións inmediatas en Macenlle-A Moreira e Arealonga para garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade da...

O alcalde de Nigrán recomenda ao deputado popular José Luis Ferro a lectura do...

0
Juan González, rexedor de Nigrán e historiador experto na Guerra Civil, ten documentado xunto a Antonio Caeiro e Clara de Saá fusilamentos e centos...

Publicacións Relacionadas