Os obradoiros do programa de asesoramento tecnolóxico terán lugar os días 13 e 14 de decembro e estarán centrados en márketing social, contido efémero en redes sociais e Intelixencia Artificial
A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta próxima semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os obradoiros centraranse en márketing social, contido efémero para redes con historias en Facebook e Instagram e en Intelixencia Artificial.
O mércores 13 de decembro terán lugar dous cursos impartidos de xeito telemático. Ás 12:00 Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Dirección de comunicación corporativa, será a encargada de impartir o obradoiro “O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram”. Nel, explicarase como crear contido efémero nas redes sociais a través das historias integradas nunha estratexia de márketing.
Nesta mesma xornada do mércores pero ás 18:00 horas comezará o obradoiro “Márketing social: Estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”. Trátase dunha acción formativa centrada en dar a coñecer as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles máis axeitadas dispoñibles para as entidades do terceiro sector. Este taller será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e con ampla experiencia no ámbito da comunicación dixital e o márketing en liña.
Finalmente, o xoves 14 de decembro entre as 12:00 e as 13:00 impartirase de xeito telemático o curso “Intelixencia Artificial, iniciación con robots”. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, dará a coñecer os procesos de clasificación de imaxes empregando unha rede neuronal e unha placa de desenvolvemento Jestson Nano.