Aqualia, empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento e saneamento de auga, traballa na zona do camiño do Balado, en Saxamonde, para resolver unha avaría na rede de fecais. A responsable da concellería de Medio Ambiente, Pilar Martínez, explica que “desde o momento en que se tivo coñecemento da vertedura os operarios acudiron á zona para resolver o problema”. O desbordamento produciuse polo atoamento da tubaxe a causa da acumulación de ramas e raíces das árbores, un problema que se rexistrou en varios puntos da canalización. A concelleira explica que desde o servizo “están a traballar con todos os medios para resolver a avaría canto antes”, e advertiu que a reparación demorouse máis do previsto porque foi preciso empregar material específico para resolver o problema de xeito definitivo, xa que afectaba a varios tramos da tubaxe.