- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, visitou a localidade para comprobar as actuacións feitas co obxectivo de mellorar a calidade na prestación dos servizos municipais
- A través das liñas de axuda específicas para os concellos só en 2023 se distribuíron máis de 27,2 millóns de euros na execución de 600 proxectos
- As subvencións da Xunta destinadas o ano pasado ao municipio de Avión inclúen reparacións na Casa do Concello e melloras de eficiencia enerxética no pavillón de deportes ou no centro integral de servizos sociais Alvetus
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Avión para comprobar melloras realizadas o ano pasado a través das distintas liñas de apoio ao eido local. Este apoio forma parte dos máis de 1,2 millóns de euros investidos nos últimos anos no municipio que permitiron financiar proxectos a prol da calidade na prestación dos servizos municipais.
Por unha parte, visitaron a reforma realizada na casa consistorial co obxectivo de mellorar as dependencias municipais que son utilizadas a diario pola veciñanza. Así, a Xunta investiu case 35.000 euros nestes traballos ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público. Esta liña de axudas beneficiou o ano pasado a máis dun cento de entidades locais de menos de 30.000 habitantes como Avión e este ano xa se publicou a nova convocatoria mantendo o orzamento de 3,5 millóns de euros.
Por outra banda, a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local actuouse na mellora da eficiencia enerxética do pavillón deportivo e do centro integral de servizos sociais Alvetus coa substitución das caldeiras existentes por outras novas de biomasa. Deste xeito, cunha dotación de case 114.000 euros contribuíuse a reducir as emisións cunha enerxía máis limpa, ao mesmo tempo que se reduciron custos. O apoio enmárcase na liña do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios de titularidade municipal en concellos de menos de 15.000 habitantes.
Tamén mediante o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) pero doutra das liñas de axudas destinada á compra de maquinaria, equipamento ou vehículos para a prestación de servizos municipais, o concello de Avión recibiu 29.000 euros da Xunta para a adquisición dunha miniexcavadora que facilite o traballo dos operarios municipais do servizo de obras.
Apoio ás entidades locais
Diego Calvo destacou que as actuacións realizadas en Avión mostran a importancia das medidas de apoio da Xunta aos concellos, especialmente no caso dos de menor poboación e do rural, de maneira que se garanta o equilibrio territorial en toda a comunidade e que a cidadanía conte cos servizos necesarios con independencia do seu lugar de residencia.
A través destas convocatorias de axudas específicas, como a Orde de infraestruturas de uso público o Fondo de Compensación Ambiental ou as liñas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ao longo de 2023 distribuíronse en todo a comunidade máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos municipais como os visitados hoxe en Avión.