O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo co alcalde, José Ramón Barreal, no que repasaron as últimas actuacións que se están a realizar no concello en colaboración coa institución provincial
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Laza, Jose Ramón Barreal, para abordar as liñas de colaboración entre ambas administracións. Neste sentido, cabe destacar que o Concello de Laza recibirá a través do Plan CooperOU da Deputación unha achega de 190.000 euros neste ano, “o que suporá que ao longo do mandato 2023-2027 Laza perciba ao redor de 800.000 euros”, destacou o presidente provincial.
Durante a xuntanza, Luis Menor e José Ramón Barreal fixeron repaso das últimas actuacións que se están a realizar no ámbito de cooperación, como son as obras de abastecemento e saneamento na rúa das Chousas por importe de 48.000 euros. De cara ao futuro prevese manter esta colaboración en proxectos sociais coa construción dunha residencia de maiores, así como de infraestruturas coa mellora dunha estrada estratéxica que permita achegar a Laza ao enlace coa autovía nas Estibadas, en colaboración coa Consellería de Medio Rural e a Deputación de Ourense.