∙ O Centro Sociocultural Patelas acolleu este martes o encontro anual da Rede Municipalista Solidaria, na que participou o alcalde, Manuel Campo
∙ Cuntis é dun das 103 institucións galegas que forman parte desta entidade solidaria, que organiza este tipo de encontros en todas as provincias para facilitar a participación das administracións asociadas
O Centro Sociocultural José Raído Patelas acolleu na mañá deste martes a reunión anual convocada pola Rede Municipalista Solidaria (RMS), órgano ao que pertence o Fondo Galego de Cooperación. Trátase dun encontro que se celebra unha vez en cada anualidade en cada provincia de Galicia, co obxectivo de facilitar a participación e interacción coas entidades asociadas. Neste caso, foi o Concello de Cuntis quen exerceu de anfitrión, nunha reunión na que estivo presente o alcalde, Manuel Campos, ademais de representantes de diferentes concellos e administracións de Pontevedra.
Con máis dun cento de institucións asociadas (concretamente, 102 na actualidade), o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nace co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dos países e comunidadesempobrecidas, para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida, de xeito que se contribúa á plena realización dos Dereitos Humanos Universais. Neste sentido, o alcalde Campos salientou a importancia de acoller esta reunión, que tildou como de moi positiva, e deixou patente o compromiso de Cuntis á hora de adherirse a iniciativas que sirvan para “consolidar unha sociedade galega máis sensibilizada e concienciada”.
A reunión de traballo serviu para facer un balanzo de todas as actividades e accións desenvoltas ao longo do ano 2023. Ademais, tamén se trazou unha folla de ruta e un plan para continuar neste exercicio vixente. “Recolléronse tamén suxestións e propostas, como paso previo á celebración da Asamblea do Fondo Galego”, explicou Campos, que agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación a elección de Cuntis como escenario para esta reunión.