A estes recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas hai que engadir outros 50.000 euros do mesmo plan para a mellora do Lalín Arena
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas mobilizou xa preto de 1,4 millóns de euros entre 23 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de 20.000 euros ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Lalín, que lle permitirá instalar pavimento sintético na pista de atletismo do estadio Manuel Anxo Cortizo. En total, o Concello de Lalín xa recibiu 70.000 euros para renovar infraestruturas deportivas municipais ao abeiro deste Plan, xa que aos recursos que acaban de ser comprometidos hai que engadir outros 50.000 euros destinados a diferentes actuacións no Lalín Arena.
O Concello de Lalín dedicará esta nova achega de 20.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a adquirir un tartán para as actividades de salto en altura con pértega, así como para colocar o caixón para apoio da pértega para a pista de atletismo do Manuel Anxo Cortizo. O tartán, cunha superficie aproximada de 426 m2, estará certificado pola Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAFF), e o apoio da pértega estará fabricado con pranchas de aceiro e composto de caixón e tapa, cumprindo tamén as medidas coas da homologación da IAFF.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 1,4 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Lalín para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.