Os meses de abril e maio xiran en torno ao libro, a lectura e as Letras Galegas, así a programación Primavera entre Letras que comezou fai un par de semanas segue a traer ata a Guarda citas culturais que buscan a difusión das diferentes figuras literarias da nosa cultura. A cita desta semana será a obra de teatro infantil con monicreques “Fábulas da Montaña”, o sábado 20 de abril ás 18:00h. no Centro Cultural.
Unha bela proposta da compañía Larraitz Urruzola, na que recupera a única obra para a infancia que deixou escrita Concepción Arenal (pensadora, xurista e defensora dos dereitos da muller e as persoas desfavorecidas). Estas fábulas presentan grandes diferenzas con respecto a outras recompilacións populares naquela altura, escritas por homes (La Fontaine, Samaniego…) e debedoras das Fábulas de Esopo, mudando exóticos animais da selva africana (leóns, monos, camelos, elefantes, leopardos, tigres) por persoas e animais da montaña cántabra como osos, lobos, mastíns, cans palleiros e galos. Tamén muda os contidos clásicos e incorpora temáticas que van ser centrais en toda a súa produción intelectual posterior: a defensa dos desfavorecidos, a importancia da educación nos procesos de transformación da realidade e a necesidade da empatía coa dor e o sufrimento dos demais.
Todo isto será transmitido na representación deste sábado a través dunha coidada e orixinal posta en escena, que caracteriza as producións de Urruzola e que as fan unha proposta axeitada para tódalas idades, dende os 8 anos ata os 108.
A programación Primavera entre letras, continuará nas vindeiras semanas dando paso a celebración do Día do Libro e da IV Ruta do Libro – a partir do 23 de abril- e a proposta Doña Emilia e Señora Carme, o día 27 de abril no Centro Cultural, na que poderemos gozar cunha recompilación de contos e historias de Doña Emilia Pardo Bazán. Dando paso no mes de maio as actividades en torno ás Letras Galegas.
PRIMAVERA ENTRE LETRAS, próximas citas:
- 20 de abril. –18h. No Centro Cultural
Obra de teatro infantil “As Fábulas da Montaña”, sobre contos de Concepción Arenal
- 23 abril.- Librerías da vila
Día internacional do libro. Desconto do 10% nas librerías da vila
- 23 abril- 25 maio. Librerías da vila
IV Ruta do Libro. Polo gasto mínimo de 30€ en libros nas librerías da vila, recolle un agasallo na Biblioteca Municipal. Infórmate na túa librería.
- 27 abril.- 20:30h. Centro Cultural
Doña Emilia e señora Carme: dúas señoras de conto. A cargo de Cris de Caldas
- Do 6 ao 20 de maio. Casa dos Alonso
Exposición de obras de Castelao
- 16 de Maio. IES A Sangriña
Festival das Letras
- 19 de Maio. Praza do Reló
Festa das Letras
Xornada festiva con actividades para crianzas, sesión vermout e peche cunha Sesión de cultura tradicional
ACTIVIDADE: Fábulas da Montaña, de Larraitz Urruzola
Mais información: Fábulas da montaña – Larraitz Urruzola Producións
LUGAR: Centro Cultural
DATA: 20 abril ás 18:00h.
ORGANIZA: Concello da Guarda
ACCESO: DE BALDE ata cubrir aforo.