A casa do concello de Tui iluminouse de vermello esta pasada noite con motivo do Día Mundial da Hemofilia, que se conmemorou onte 17 de abril.
Deste xeito o Concello de Tui respondeu á solicitude realizada dende AGADHEMO, a Asociación Galega de Hemofilia, que con este acto simbólico quere chamar a atención cara ás persoas afectadas por trastornos da coagulación hereditarios. En Galicia son máis de 300 persoas afectadas por esta doenza.
O lema deste ano foi “Acceso equitativo para todos: Recoñecemos todos os trastornos da coagulación” co que se reclama que todas as persoas con hemofilia A ou B, enfermidade de Von Willebrand ou calquera trastorno de coagulación teñan acceso a diagnóstico, tratamento e coidos integrais sen importar o seu tipo de trastorno, o seu xénero, a súa idade e o lugar onde vivan.
Ao longo do ano o Concello de Tui súmase á distintas campañas promovidas por asociacións e colectivos para visibilizar as súas campañas con motivo do Día Mundial, iluminando a casa do concello de distintas cores.
Así o pasado 2 de abril a casa do concello iluminouse de azul con motivo do Día Mundial do Autismo. Tamén o edificio tinguiuse de laranxa polo Día Mundial da Epilesia, de verde polo Día Mundial do Alzheimer, o Día Mundial da Saúde Mental, ou o Día do Perthes, entre outros.