Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíron xa máis de 1,7 millóns de euros entre 28 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de 34.000 euros ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello do Rosal. Con estes recursos, o Goberno local levará a cabo a adquisición e instalación dun vídeo-marcador para o seu pavillón municipal.
O Concello do Rosal dedicará estes recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a adquirir un vídeo marcador LED multifuncional que permita, por unha banda, a función de marcador multideporte e, pola outra, emitir vídeos e información de interese. Ademais da adquisición, cos recursos tamén se contempla a instalación do vídeo marcador na fachada interior que dá á rúa Simón del Mazo, centrándoo coa portería; un ordenador de sobremesa de control e xestión da pantalla; consolas deportivas multideporte para xerar información relativa ao acontecemento deportivo; unha licencia de software e bocina.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento máis de 1,7 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para O Rosal, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, A Lama, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.