A deputada provincial de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital, María Ramallo acaba de participar no Edificio Polivalente de Lalín na xornada técnica sobre Axenda Urbana organizada na vila. No encontro, a deputada afondou no traballo que está a liderar a institución provincial para impulsar e desenvolver a Axenda Urbana e Rural da Provincia de Pontevedra, “un proxecto de todos, con todos e para todos; un proxecto compartido, no que se está a implicar toda a cidadanía, para que esta provincia vaia a máis, avance e se converta nun lugar de oportunidades, sostible, resiliente, inclusivo e seguro”. Deste xeito, e para construír “unha provincia adaptada aos grandes retos e desafíos do presente e do futuro”, a deputada remarcou o carácter participativo na toma de decisións, “partido dunha visión estratéxica e compartindo o coñecemento conxunto”.
Ramallo subliñou que o obxectivo da Axenda Urbana e Rural da Provincia é “mellorar a calidade de vida das contornas urbanas e rurais, prestando especial atención aos desafíos do reto demográfico para cumprir así o noso compromiso co equilibrio territorial”. Asegurou que a Axenda Urbana da Deputación porá o foco nos concellos e, en particular, nos de menos de 20.000 habitantes e recordou iniciativas xa desenvolvidas no marco deste proxecto como as mesas comarcais –unha delas celebrada en Lalín coa presenza do presidente Luis López- entrevistas a pé de rúa, enquisas online ou cursos, así como adiantou algunha das iniciativas nas que xa a está a traballar o Goberno provincial como concursos dirixidos a centros educativas ou andainas.