O GDR Terra e Auga celebra a IV Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta na que entregará os distintivos SICTED de Compromiso de Calidade Turística e ratifica o seu apoio aos proxectos e prácticas que apostan pola calidade e a innovación. Será en Salvaterra de Miño o vindeiro luns día 13 de maio ás 19 horas.
Alcaldías do sur da provincia, AGADER, Turismo de Galicia, Deputación de Pontevedra, o Clúster do Turismo; a Federación Provincial de Turismo e Hostalería FEPROTUR, e a nova asociación de Empresas do Turismo no xeodestino Condado Paradanta, ASECOTUR, entre outras entidades públicas e privadas, están convidadas a este evento que recoñece o esforzo e a seriedade no traballo tanto das novas empresas como das que renovan o certificado de calidade.
Dende hai catro anos o GDR promove entre as empresas dos dez concellos, A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, a formación e a mellora continua para ofrecer as persoas as últimas comodidades, servizos e produtos co obxectivo de acadar experiencias únicas.
Nesta edición entregarán catro novos selos de calidade turística e renovarán 19 máis que xa viñan implementando o sistema de mellora continua nos seus negocios. A taberna A Baiuca de Mondariz, a gandaría Sesteiro de Covelo, a praia fluvial de Maceira en Covelo e La Ojiva Espazo Gastronómico en Salvaterra de Miño súmanse aos negocios que apostan por premiar á clientela co mellor servizo, trato, instalacións e produtos.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola secretaría de estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista.
Co apoio do GDR Terra e Auga e a Axencia Turismo de Galicia xa son 53 empresas as adheridas no territorio do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas. “Empresas que se esforzan a diario para que as e os seus clientes teñan o mellor multiplicando as posibilidades de repetición e de emitir referencias positivas do noso territorio”, explica Pablo Castillo, presidente do GDR Terra e Auga.
En liña coa súa estratexia de desenvolvemento o GDR Terra e Auga engalanará a entrega de premios cun dos seus piares fundamentais, a arte, expresada a través dunha actuación musical, da poesía, da danza e dunha montaxe audiovisual.