Grandísima afluencia de público no primeiro mercado de moda e complementos de segunda man do Concello do Rosal
Rula Roupa Rosal viu para quedarse. Grandísimo éxito de acollida da primeira edición do mercado de moda e complementos de segunda man, unha innovadora iniciativa posta en marcha polo Concello que converteu á Praza do Calvario nun gran punto de encontro para todas as persoas amantes da economía circular e da moda sustentable.
Durante toda a xornada, o público ateigou a praza non só para desfrutar dos 26 postos que ofrecían produtos de segunda man, senón tamén do amplo abano de actividades organizadas arredor do mercado. Entre eles, o do obradoiro de maruxiñas, que tivo tan boa acollida que tiveron que duplicarse as prazas previstas para atender a elevada demanda e que toda a cativada puidera desfrutar dunha actividade na que nenos e nenas ían creando os seus propios estilismos con pequenas figuras recortables.
Tras o rotundo éxito, o Concello xa está a pensar na segunda edición desta iniciativa que naceu con visión de continuidade. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, amosouse moi satisfeita co balance positivo do evento e salientou que “con Rula Roupa Rosal reafirmamos o noso compromiso coa promoción de iniciativas que fomente a economía circular, camiñando cara a un Rosal máis verde e sostible, mellorando aínda máis a calidade de vida da nosa veciñanza”.
A rexedora tamén quixo agradecer o esforzo a todas as persoas que colaboraron para facer posible este evento. “A súa colaboración foi fundamental para crear un espazo de encontro e reflexión sobre a importancia da moda sostible, da compra consciente de roupa e da reutilización de prendas”, recalcou.