Home A Coruña Carnota conmemora o Día Internacional dos Museos coa apertura da Caseta de...

Carnota conmemora o Día Internacional dos Museos coa apertura da Caseta de Pepe do Cuco, o primeiro museo totalmente automatizado de España

- Anuncio -

Esta revolucionaria instalación, á que se accede co móbil a través dun código QR, poderá ser visitado durante as 24 horas deste sábado, 18 de maio.

Este innovador sistema permite que os pequenos Concellos poidan manter aberto o seu patrimonio cultural durante todo o ano, cun servizo de calidade ao visitante e cuns custes mínimos de mantemento

Cada ano, dende 1977 o ICOM (Internacional Councyl of Museums) celebra o Día Internacional dos Museos (DIM). O seu obxectivos é concientizar sobre o feito de que os museos son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua e da colaboración entre os pobos.

A Caseta de Pepe do Cuco, o primeiro museo mariñeiro totalmente automatizado de España, súmase a este conmemoración internacional abrindo as súas portas 24 horas seguidas en Lira (Carnota) este sábado 18 de maio. Trátase dunha antiga caseta de pescador que foi reformada para ofrecer unha experiencia diferente e atractiva para as persoas que a visiten, que poderán acceder ás instalacións durante as 24 horas do sábado 18 de maio utilizando como chave os seus móbiles e un código QR.

O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, explica que este museo “é un exemplo do uso da tecnoloxía para facilitar o acceso á cultura das persoas e mellorar a calidade de vida no medio rural. Hoxe contamos cun museo que, cuns custes mínimos de mantemento, pon o noso patrimonio histórico e cultural a disposición dos veciños de Carnota e de todas as persoas que desexen coñecelo. Unha instalación que se pode manter aberta ao público todos os días do ano, en calquera horario, cun servizo de calidade que estou seguro que atraerá a moitos visitantes e repercutirá positivamente no comercio e na hostalería local non só durante o verán, senón durante todo o ano”.

O sistema de automatización da Caseta de Pepe do Cuco, leva en fase de probas dende o pasado mes de abril e afrontará un novo test este sábado, no que estará operativo 24 horas seguidas. Así, o público que se achegue pola aldea de Portocubelo (Lira) poderá acceder a través dun código QR exposto no exterior da caseta, que o dirixe a un formulario de acceso no que solicita a apertura automática da porta.

Unha vez dentro, a través da combinación de auténticas pezas orixinais con vídeos e xogos de luces, o propio museo irá amosando ao visitante como evolucionou a vida en Lira dende que Pepe do Cuco construíu esta caseta aló polos anos corenta do século pasado. Ademais, o museo ten a particularidade de que son os propios veciños e veciñas de Lira os que contan a súa historia. Uns exemplos de tradición oral que son fiados polo presentador e “anfitrión virtual” do museo: Miguel Domingo García Martínez, coñecido artisticamente como Miguel de Lira. Este actor de cine, teatro e televisión, especialmente popular polo seu papel do percebeiro furtivo Evaristo Currás na serie “Mareas Vivas”, guiará o percorrido do visitante polas distintas áreas da Caseta de Pepe do Cuco.

A visita ten unha duración aproximada de trinta minutos. Ao finalizar, a través do alumeado e o son, o propio sistema guía ao visitante para que abandone as instalacións e lle agradece a súa estancia. A seguridade das persoas está garantida por un sistema de alarma, un circuíto pechado de cámaras, sistemas de detección e aviso automatizado de incidencias e teléfonos de asistencia ao visitante.

Sinala María Lago, técnica e turismo do concello de Carnota “Este tipo de tecnoloxía é especialmente interesante para pequenos municipios rurais, xa que facilita a apertura ao público de moitos lugares de interese turístico e cultural que adoitan estar pechados ou que abren so para os turistas en datas determinadas pola escaseza de medios económicos e de persoal. É o caso da propia Caseta de Pepe do Cuco, onde a imposibilidade de mantelo aberto ao público propiciou o abandono da instalación realizada hai vinte anos”.

Destinar o persoal a cubrir outras necesidades

“As administracións locais temos que facer fronte cada vez a máis competencias e servizos aos cidadáns que poñen ao límite as nosas capacidades orzamentarias. Fórmulas como a automatización do Museo do Cuco nos permiten dispoñer de recursos para destinar o persoal a cubrir outras necesidades dos veciños e seguir ao mesmo tempo prestando un servizo de calidade en materia cultural e turística”, sinala o alcalde de Carnota.

A automatización da Caseta do Cuco como centro de visitantes dos Camiños de Andar ao Mar é un proxecto promovido polo Concello de Carnota e financiado a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, en colaboración coa Consellería do Mar, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e o propio Concello. Un proxecto executado por ITC Ménsula Museografía.

Relacionadas

Leiva actuará o próximo 12 de xullo no ciclo Coruña Sounds 2025

0
O Goberno de Inés Rey volve a apostar polas grandes actuacións musicais na cidade durante o verán Leiva actuará na cidade no verán do 2025...

O Coworking Miño lanza a súa web para facilitar o acceso a emprendedores, autónomos...

0
O Coworking Miño, un espazo clave para o impulso do emprendemento rural e a innovación na rexión, anuncia o lanzamento da súa nova páxina...

Accidente de tráfico na rúa Praia Xardín, no concello de Boiro

0
Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Boiro participaron ás 02:20 horas desta madrugada nun operativo provocado pola colisión dun vehículo contra outro que...

Ribeira homenaxea o legado das Irmandades da Fala cun acto conmemorativo

0
O Bloque Nacionalista Galego e a plataforma social Vía Galega realizarán en Ribeira este sábado, 23 de novembro, ás 11:00 horas, un acto especial...

Fene prepárase para o 20º Slalom Scratch, cita imprescindíbel do automobilismo galego

0
O evento celebrarase este sábado 23 de novembro no circuíto urbano de San Valentín A proba reúne 83 participantes, igualando o récord histórico de edicións...

Unha exposición sobre as mulleres do mar abriu os actos que se celebrarán arredor...

0
O luns 25 ás 19.00 horas acenderase o alumeado de cor morada da casa do concello e celebrarase unha concentración aberta a toda a...

Publicacións Relacionadas