Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron a incidencia nunha inspección rutineira
A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais que afectaba ao rego Barbosa, ao seu paso polo lugar do Empalme, no concello de Sanxenxo. O persoal do Programa de Control de Vertidos constatou esta anomalía no transcurso do labor de inspección que realiza no ámbito territorial dos concellos integrados na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Os técnicos do ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático detectaron a existencia dun fluxo superficial de aspecto turbio que afectaba a unha canle nas proximidades do rego e que se correspondía cunha filtración procedente da infraestrutura de saneamento do lugar.
O persoal de Augas de Galicia puxo a incidencia en coñecemento do Concello de Sanxenxo para que adoptase as medidas oportunas co fin de eliminar ese vertido. De feito, o Goberno local procedeu ao selado dunhas fisuras existentes nun pozo de rexistro da rede de saneamento.
Posteriormente, o persoal do Programa de Control de Vertidos constatou a eliminación da filtración, co que se corrixiu esa achega de augas residuais ao dominio público.