As novas tecnoloxías ao servizo do desenvolvemento turístico sostible do territorio. O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño colabora con MyStreetBook-Ecotours, unha iniciativa a través da que lanzará un proxecto piloto para implementar a intelixencia artificial para a recomendación e creación de rutas sostibles e o cálculo da pegada de carbono no territorio.
Os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona serán os encargados de explorar e probar esta iniciativa que comezará promovendo o desenvolvemento turístico intelixente e sostible, aproveitando as riquezas culturais, turísticas e naturais da comarca do Val Miñor e ten por obxectivo implantarse no resto do territorio.
A presidenta de EuRural, Sandra González, destaca a importancia de participar neste proxecto. “A colaboración con MyStreetBook-Ecotours permitirá aos nosos municipios non só promocionarse de xeito innovador e personalizado, senón tamén fomentar un turismo de calidade e respectuoso coa contorna. É un paso adiante na consolidación do territorio a través da dixitalización dos recursos turísticos e a promoción dos produtos e servizos locais”, resalta.