Home A Coruña A Fusquenlla saca unha nova promoción de persoas acreditadas para producir nas...

A Fusquenlla saca unha nova promoción de persoas acreditadas para producir nas súas instalacións

- Anuncio -

36 alumnas e alumnos recolleron onte os seus títulos como usuarias principais e de apoio

A nave do mercado de Moeche acolleu no serán de onte o acto de entrega de diplomas dos dous cursos rematados recentemente no marco do proxecto A Fusquenlla. Neles participaron un total de 36 persoas, procedentes dos sete municipios integrados na iniciativa -Cedeira, Cerdido, Moeche, As Pontes, Narón, San Sadurniño e Valdoviño-, así como doutras zonas da provincia. A metade delas completaron a formación principal de 28 horas para seren usuarias das instalacións, mentres que a outra metade obtiveron a certificación de hixiene alimentaria para actuar como axudantes das produtoras e produtores principais.

O curso de capacitación de maior duración estivo centrado en contidos teóricos e prácticos arredor da manipulación de alimentos e as técnicas para a súa conservación, ademais de dedicar unha parte ao manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións situadas no recinto feiral de Moeche.

O temario incluiu, neste sentido, un primeiro módulo sobre hixiene, prevención de contaminacións, prácticas de manipulación, control de pragas, técnicas de conservación, rexistros sanitarios, etiquetado, etc. Nos módulos 2, 3 e 4 víronse a prevención de riscos laborais, o manexo e limpeza de maquinaria e o cálculo de custes de produción fixos, ademais da levanza de rexistros. O último apartado do curso -previo á avaliación de coñecementos- ocupouse das técnicas básicas de transformación de produtos hortofrutícolas.

Esta acción formativa desenvolveuse entre o 15 de marzo e o 19 de abril deste ano e nela participaron 19 produtoras e produtores da comarca, que deste xeito obtiveron a súa acreditación para poder utilizar as instalacións e o equipamento da Fusquenlla.

A maiores, o 20 de abril levouse a cabo unha sesión sobre hixiene alimentaria con outras 17 persoas asistentes, que neste caso se acreditaron para para ofrecerlles apoio en distintas tarefas ás produtoras e produtores principais.

Todas elas recibiron onte os seus títulos nun pequeno acto ao que asistiron representantes dos municipios implicados nun proxecto que xa trascende o ámbito comarcal e que, segundo puxeron de manifesto trala entrega, “está aberto á integración de máis concellos, porque hai demanda dun servizo coma este”.

Desde as administracións locais promotoras -Cedeira, Cerdido, Moeche, As Pontes, Narón, San Sadurniño e Valdoviño- tamén se agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e principalmente da Deputación da Coruña “para levar a cabo formación e novos investimentos que serían difíciles de afrontar polas administracións locais e, sobre todo, polas produtoras e produtores”. Cómpre recordar a este respecto que no marco do proxecto A Fusquenlla, o concello de San Sadurniño acaba de adxudicar en 165.000 euros a adquisición de novo equipamento produtivo e auxiliar, financiado con fondos provinciais e con achegas europeas do Plan Leader.

Novos cursos
Co remate dos cursos para produtores e produtoras principais e axudantes, son xa un total de 150 as persoas certificadas para poder transformar as súas colleitas de horta e froita nas instalacións de Moeche. Ademais, ao abeiro da Fusquenlla -que forma parte da Rede Coworking PEL da Deputación da Coruña- puxéronse en marcha tres iniciativas que xa están comercializando as súas elaboracións.

Porén, a intención dos concellos promotores é continuar ampliando a base social deste proxecto que busca dinamizar a economía rural apostando por produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias. Con esa finalidade, desde A Fusquenlla recordan que para participar en futuras convocatorias de cursos é necesario preinscribirse a través deste formulario de Google Drive. Prevese que a próxima acción formativa se desenvolva a comezos do ano que vén.

Relacionadas

O Concello licitará nos primeiros días do ano diversas obras por importe de 1,4...

0
O Concello de Oleiros vai contratar durante os primeiros meses do ano diversas obras por importe de 1.453.722 euros. Trátanse de obras destinadas ao...

Continúa a programación de nadal na Praza Esther Pita

0
Do 30 de decembro ao 4 de xaneiro continúan as actividades de nadal para todos os públicos na Praza Esther Pita: animación infantil, obradoiros...

O PP de Culleredo organiza o III Torneo Solidario de fútbol sala con recollida...

0
∙ O Torneo, no que participan seis equipos de categoría pre-benjamín, terá lugar o vindeiro sábado 4 de xaneiro no Polideportivo do Burgo, desde...

Accidente con persoas atrapadas na AG-11, á altura do concello de Boiro

0
Os bombeiros dos parques Provinciais de Boiro e Ribeira foron mobilizados pasadas as 07:00 horas desta mañá por causa dun accidente na AG-11, á...

‘Cantareira’, Palabra do Ano 2024

0
· A votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié rematou coa elección da voz que designa as protagonistas das Letras...

A Pobra incentiva as compras de proximidade repartindo agasallos cun xogo

0
Estas son datas para agasallar e a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal quere obsequiar por este Nadal ás persoas que apoien...

Publicacións Relacionadas