O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, reuniuse hoxe co xefe provincial da Policía Autonómica en Lugo, Javier García, con motivo da súa xubilación tras 44 anos de servizo. Diego Calvo agradeceulle o labor desenvolvido, xa recoñecido con diversos galardóns. Así, en 2015 recibiu a medalla de bronce ao mérito deportivo concedida polo Consello Superior de Deportes.
Inspector da Policía Nacional destinado en Lugo desde 1996, Javier García foi nomeado xefe provincial da Policía Autonómica en 2016. Ao longo da súa traxectoria ocupouse de formar varias promocións de axentes, e foi xefe da Brigada de Policía Xudicial e da Estranxeiría. Ademais, foi coordinador de eventos deportivos da comisaría lucense, supervisando a seguridade. Na xuntanza mantida hoxe, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes felicitouno pola súa traxectoria e por ser xa un referente para o corpo policial.