Esta actuación foi impulsada polo cura Fermín Santiago Iglesias, co apoio do Concello de Campo Lameiro e unha subvención da Deputación e conta coas pertinentes autorizacións do Arcebispado e Patrimonio.
Rematan con éxito os traballos de restauración dunha estela romana con case 2.000 anos de antigüidade ubicada na igrexa de San Cristovo de Couso, en Campo Lameiro, impulsada polo cura párroco, Fermín Santiago Iglesias, e o Concello e que conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra a través da liña de financiamento para a recuperación de elementos patrimoniais. Esta actuación dispón de todas as autorizacións pertinentes así como cos permisos do Arcebispado de Santiago de Compostela e Patrimonio da Xunta de Galicia.
Os traballos realizados consistiron na retirada da peza do chan e a recolocación de pé anclada nunha das paredes da propia igrexa, onde ademais de poder ser vista e visitada pola persoas interesadas mellorará as súas condicións de cara á conservación xa que esta estela permanecerá na igrexa de San Cristovo de Couso de xeito permanente.
Realizouse tamén unha limpeza e restauración da superficie da estela, para eliminar a suciedade acumulada co paso do tempo, os restos de cera e os restos de cemento que ocultaban parte da inscrición, así como un rexistro con fotogrametría para a elaboración dun modelo en 3D.
UNHA SORPRESA AGOCHADA
A gran sorpresa durante a realización dos labores de restauración foi que a peza conservaba uns 35 cm. máis do que se podía ver antes do seu levantamento, polo que agora a inscrición conta con tres liñas de texto inéditas ata o momento, ademais de recuperar a primeira liña de letras que se atopaba oculta polas xuntas de cemento. Isto permitirá realizar unha nova lectura máis completa que aporte nova información sobre a persoa á que estaba dedicada e que mellorará a realizada no ano 2018, con autorización do anterior cura párroco, e que levaron a cabo J.M. Abascal de H. Picallo na que se concluiu que podería tratarse dunha peza do século II aínda que, daquela, non se puido ler de xeito completo ao estar ocultas parte das letras que agora se descubriron.
En xeral o estado de conservación da estela é moi bo, contando só cunha pequena falla na base e a perda dunha das letras por un repicado realizado moi probablemente polos canteiros que a colocaron no chan.
As estelas son unha fonte de información moi importante sobre a época romana xa que son monumentos funerarios que contan con inscricións e gravados que nos falan dos deuses, as persoas, os ritos e as crenzas de hai case 2.000 anos.
Esta peza era xa coñecida, porque se atopaba formando parte do solado da sancristía da igrexa parroquial, no punto no que se accedía á zona do altar, o que facía que parte dos veciños se tiveran fixado nela polas letras que aínda se podían observar a simple vista. No momento de construción ou remodelación da sancristía foi utilizada como unha lousa máis para poñer no chan, polo que hoxe en día non se atopaba na súa ubicación orixinal, se ben o máis probable é que proceda dun xacemento romano cercano aínda sen descubrir nen catalogar.
Campo Lameiro conta cunha gran riqueza patrimonial en canto a arte rupestre, se ben os restos de época romana son máis escasos e descoñecidos, polo que estes traballos veñen a sumar novos recursos culturais ó patrimonio local.