Aproba un proxecto de modificación orzamentaria para reformar un edificio na Praza da Trindade como nova Oficina de Rehabilitación
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mediodía concederlle a licenza urbanística á Xunta de Galicia para executar as obras de ampliación do instituto Eduardo Blanco Amor, na rúa Vicente Risco. Na mesma sesión, ordinaria desta semana, aprobou o proxecto de modificación orzamentaria 1P/2024, que ten como finalidade destinar un investimento de 400.000 euros á rehabilitación dun edificio na Praza da Trindade, que será acondicionado como nova sede da oficina de rehabilitación do conxunto histórico da cidade. Na reunión, desenvolvida no salón de plenos, tratáronse 27 expedientes presentados polos diferentes servizos municipais.
Licenzas (3)
- Conceder á Vicesecretaria Xeral da Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia a licenza urbanística de obra maior para o proxecto básico e de execución de ampliación do IES Eduardo Blanco Amor, na rúa Vicente Risco, cun orzamento de execución material de 732.288 euros.
- Conceder a licenza urbanística de obra para o proxecto básico de construción dunha vivenda unifamiliar acaroada na rúa de Rairo
- Denegar a petición formulada por un particular de suspensión dunhas obras nun edificio amparadas por licenza
Patrimonio (5)
- A xunta local deu conta de 4 reclamacións de responsabilidade patrimonial: unha se inadmite e 3 se desestiman. O Concello tamén requirirá unha aseguradora para que pague unha indemnización de 647,59 euros polos danos causados por un vehículo nunha xardineira na rúa da Concordia
Contratación (1)
- Acordar a prórroga por 1 ano do contrato do servizo de conserxaría dos centros cívicos do Concello de Ourense
Rehabilitación (1)
- Aprobar a actualización para o ano 2024 do Plan Estratéxico de Subvencións da Concellería de Urbanismo do Concello de Ourense
Xestión económica e orzamentaria (2)
- Aprobar unha relación de facturas por un importe total de 38.984,92 €, correspondentes a gastos realizados no exercicio 2023 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no devandito exercicio
- Aprobar o proxecto de modificación orzamentaria 1P/2024, utilizando a figura dos créditos extraordinarios. Destinará 400.000 euros á rehabilitación do edificio emprazado na Praza da Trindade, número 5 como sede da Oficina de Rehabilitación do Conxunto Histórico da cidade. O acordo aprobado hoxe elevarase ao Pleno da Corporación para que proceda, no seu caso, á aprobación provisional da modificación proposta,
Alcaldía (2)
- Aprobar a modificación do Plan de Medidas Anti – Fraude para a Xestión de Fondos Europeos do Concello de Ourense para a súa adaptación á Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción
- Aprobar a política de seguridade da información do Concello de Ourense, resultante da revisión e adecuación á normativa que orixina a segunda edición do documento.
Avogacía consistorial (13)
A Xunta de Goberno Local deu conta dun auto ditado polo Xulgado do Contencioso – Administrativo número 1 de Ourense, e de 3 sentenzas ditadas polos xulgados do Social número 2 e 3 da cidade e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Ademais, o Concello comparecerá diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense nun procedemento abreviado e diante do número 2 en 3 procedementos abreviados e 1 ordinario. Tamén diante do Xulgado de Primeira Instancia número 4 nun procedemento ordinario e do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense, en 2 dilixencias previas. Finalmente, a xunta local aprobou a corrección dun erro material na acta dunha xunta de goberno anterior.