Os nacionalistas reuníronse con membros do corpo de seguridade e advirte que a situación “é incluso peor que no inverno”, nunha época do ano na que a vila multiplica a súa poboación
Fran Leiro denuncia que ao Partido Popular “non lle importa poñer en risco a seguridade e a saúde da xente do noso concello”
Membros do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo mantiveron unha reunión con integrantes do Servizo Local de Xestión de Emerxencias. Os profesionais están sendo vítimas do desprezo do alcalde, Telmo Martín, e do seu desinterese por cumprir coa lei. Os nacionalistas acusan a Martín de “deixar a Sanxenxo á súa sorte”, ao reducir o número de bombeiros nas quendas a tan só dous, a pesares da última sentenza xudicial, emitida a raíz dunha denuncia realizada polos e polas traballadoras, establecíase un mínimo de tres persoas de garda para poder atender unha incidencia en condicións. Agora mesmo, con só dous profesionais operativos, o alcalde impídelles que atendan emerxencias. “Con isto, queda claro que ao señor Martín non lle importa absolutamente nada poñer en risco a seguridade a saúde da poboación”, advirte o voceiro, Fran Leiro.
Ademais de amosar o seu apoio total aos profesionais de Emerxencias, o BNG lamenta que Sanxenxo non conte cun Goberno local responsable, xa que “iso tería evitado chegar aos tribunais aos traballadores para reclamar que se cumpra a lei”. Leiro lembrou os múltiples intentos perpetrados polo Goberno do Partido Popular á hora de limitar “un servizo que salva vidas” e que se fai especialmente necesario nesta época do ano, cando a poboación de Sanxenxo crece dun xeito exponencial, sen esquecer, ademais, que o Servizo Local de Xestión de Emerxencias tamén actúa noutros concellos da periferia, como é o caso de Meaño, Poio ou O Grove. “Telmo Martín despilfarra millóns de euros en sentenzas urbanísticas, en cemento e formigón e en subirse o soldo, ao tempo que deixa á veciñanza desamparada no caso de que se produza unha emerxencia”, critican os nacionalistas, que destacan o contraste co que sucede coa Policía Local, que no verán reforzase con 35 auxiliares. No caso oposto atópase o Servizo de Emerxencias, que “atópase no verán nunha situación aínda peor ca no inverno”.
Fran Leiro sinalou que “desde o BNG comprometémonos a seguir pendientes e reuníndonos cos traballadores, e traballar para por fin ao desprezo absoluto que sofren por parte do alcalde e do concelleiro de Seguridade Cidadá, quen, curiosamente, foi membro de Emerxencias hai tempo”. Esta é, a xuízo do BNG, unha demostración máis da facilidade que ten Telmo Martín para “desmantelar e degradar servizos básicos para a veciñanza”.