• A obra foi levada a cabo por operarios do departamento de Servizos Municipais e consistiu na dotación dunha canalización de 380 metros e o acondicionamento da vía
• O alcalde, Manuel Campos, explica que estes traballos leváronse a cabo para dotar deste servizo básico a unha vivenda que ata agora non contaba con auga potable, ao non estar conectada á rede municipal nin á traída
Nestes últimos días o Concello vén de culminar unhas obras de ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de Cuntis, concretamente no lugar da Louriña, que se levaron a cabo para dotar deste servizo de primeira necesidade a unha vivenda emprazada nesta zona. Segundo explicou o alcalde, Manuel Campos, estes traballos acometéronse para que a devandita vivenda puidese contar con auga potable, xa que ata o de agora carecía de conexión tanto á rede municipal como á traída. “Agora xa conta con auga potable e de primeira calidade, grazas a esta actuación”, sinalou o rexedor socialista, que pasou revista ás obras, levadas a cabo con medios propios da Administración local e acometida por operarios do departamento de Servizos.
En concreto, as tarefas consistiron na dotación dunha tubaxe de 70 milímetros de grosor e unha extensión duns 380 metros aproximadamente, desde as inmediacións da estrada provincial EP-8402 ata esta vivenda particular. Ademais, tamén se procedeu a deixar en perfectas condicións o arcén da vía, unha vez rematada a instalación da nova canalización. Con estes traballos “cumprimos cunha demanda veciñal á que era moi necesaria dar resposta, xa que, ao contar só cun pozo para o abastecemento, a auga non era de boa calidade. Agora, en cambio, ten todas as garantías para o seu consumo”, explicou Manuel Campos. A vivenda pasará agora a abastecerse da auga que provén da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Sebil, que presta servizo a un gran número de veciños e veciñas do propio concello de Cuntis, así como de Moraña.
Con estas obras, o Concello de Cuntis continúa ampliando a rede de abastecemento en todo o municipio, seguindo, deste xeito, coa folla de ruta iniciada nos últimos anos e que, tal e como lembra Campos Velay, serviu para ir dotando a cada vez máis vivendas deste servizo. Arcos, Couselo, Troáns e San Mamede de Piñeiro son algunhas das parroquias nas que xa se teñen acometido actuacións similares.
Limpeza e desbroce
Por outra banda, os operarios municipais continúan co zafarrancho de limpeza desbroce en diferentes espazos, cunetas e vías do concello. Esta semana estase a actuar nas parroquias de Cuntis, Estacas e Troáns. Estas tarefas dan continuidade ás realizadas nos días previos en Portela, Arcos e Couselo, así como en San Mamede de Piñeiro. A isto hai que sumarlle a posta a punto da área recreativa dos Albariños ou da contorna de San Félix de Estacas, onde se celebrou a pasada fin de semana a festa do Santo Cristo. Ademais, continúase traballando de xeito periódico para ter a punto a senda do río Gallo, un dos principais atractivos do municipio e punto de encontro para moitos veciños e veciñas.
O alcalde destaca o esforzo dos operarios municipais á hora de realizar estes traballos, que se levan a cabo cunha maior frecuencia nesta época do ano.