• O xefe da oposición esixe ao alcalde a procura de solucións de estacionamento e a posta en marcha dun plan estratéxico para fomentar o uso do transporte público co CHOP: “Sabemos que a Lores nunca lle preocupou a falta de aparcamento pero un alcalde debe cumprir as súas competencias”
• O PP avalía cun “suspenso de manual” a ausencia dun proxecto de transporte público do alcalde e a súa “falta de anticipación” aos problemas que xeran as súas decisións unilaterais de peonalización como o peche de Raíña Victoria
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou unha proposta nova para que o Concello financie a posta en marcha de “autobuses lanzadeira gratuítos” para mellorar a comunicación viaria entre o centro da cidade e o Novo Montecelo.
O plan estratéxico deseñado polo xefe da oposición pasa por “mellorar, significativamente, o transporte público e as frecuencias de autobús” na capital da provincia con varias paradas de referencia para viaxar sen ningún custo ao hospital desde o centro urbano e, desta forma, “anticiparse aos cambios da fisionomía da cidade que vai provocar as obras de ampliación de Montecelo”.
“Propoñemos un reforzo considerable, especialmente nos horarios de entrada e saída do persoal laboral do Novo Montecelo, para facilitar a chegada continua, gratuíta e sinxela de traballadores e pacientes ao hospital, sen necesidade de utilizar o vehículo privado para minimizar ao máximo os problemas de aparcamento”, manifestou.
Domínguez bota en falta “un proxecto de transporte público organizado e deseñado, como existen noutras cidades galegas e españolas que deberían servir ao alcalde de referencia” para conectar o centro urbano co hospital de referencia.
Nese sentido, avaliou cun “suspenso de manual” a ausencia dun proxecto de transporte público do rexedor e a súa “falta de anticipación aos problemas de aparcamento que el mesmo xera, con peonalizacións absurdas e decisións tomadas de forma unilateral, como o peche de Raíña Victoria”.
Un dos exemplos máis rechamantes que puxo para evidenciar a falta de alternativas do mandatario nacionalista foi “o atraso de máis de nove anos que acumula a posta en marcha do transporte a demanda, que o Goberno nacionalista denomina Coche de Punto, e que aínda non está en funcionamento despois de varias promesas incumpridas antes das eleccións municipais”.
Mentres tanto, “as parroquias do rural continúan desconectadas do centro urbano e os taxistas á espera dun servizo extra de traballo do que, a día de hoxe, descoñecemos todos os cidadáns a súa data de inicio, aínda que o BNG prometese que estaría antes da primavera do 2023”, engadiu.
A proposta de Domínguez traducirase nunha moción que os populares levarán ao próximo pleno municipal de xullo para o seu debate e aprobación se conseguen o voto favorable de nacionalistas ou socialistas. Nela, incluirase unha proposta para “crear un grupo de traballo entre o Concello, a Policía Local e os responsables do Novo Montecelo para facer un seguimento deste plan estratéxico e ir adaptándoo, segundo as necesidades”.
Por último, o líder do PP enxalzou os máis de 170 millóns de euros que a Xunta de Galicia investiu no Novo Montecelo para unificar no hospital pontevedrés a actividade asistencial da área sanitaria, mellorar a comodidade de profesionais e pacientes que alí traballan e incorporar “innovacións fundamentais” para a sanidade pública de Pontevedra.