Os nacionalistas advirten do deterioro dos aparellos e do valado perimetral, nunha zona na que transitan vehículos de xeito habitual
O voceiro do Bloque, Fran Leiro, lembra este espazo foi impulsado polo anterior Goberno do tripartito e lamenta a incapacidade de Telmo Martín para manter en boas condicións un espazo coma este, ao tempo que outros concellos da contorna están “a anos luz” no que á oferta de espazos para mascotas se refire
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia o estado de abandono no que se atopa o parque canino. Esta instalacións, situadas nas inmediacións da Casa de Cultura da Adina, presentan un aspecto lamentable. Tal e como sinala o voceiro nacionalista, Fran Leiro, esta situación “non é nova”, xa que o deterioro deste espazo, impulsado no seu día polo Goberno local do tripartito, remóntase a moitos meses atrás. A falta de interese por parte do Partido Popular e do alcalde, Telmo Martín, en manter en boas condicións o parque queda patente no mal estado no que se atopan boa parte dos aparellos. “Varios deles están inutilizables, así como parte do mobiliario de madeira”, apunta Leiro, que tamén amosa súa preocupación pola rotura do valado que rodea o parque. “Non hai que esquecer que o este espazo se atopa a carón dunha vía pola que circulan vehículos, polo que agora mesmo é un perigo soltar ás mascotas no parque, xa que poden fuxir cara a estrada, poñendo en risco a súa integridade e a dos condutores e condutoras que circulen pola zona”, explica o concelleiro do Bloque.
O mal estado no que se atopa o parque canino provocou que estas instalacións conten cada vez con menos usuarios. Unhas instalacións, que, segundo recordan desde o BNG, fixéronse realidade grazas ás xestións efectuadas polo tripartito, que no ano 2016 acadou unha achega da Deputación de Pontevedra de máis de 20.000 euros para facer realidade este proxecto. Os anteriores mandatarios apostaban por habilitar o parque en Baltar, nunha zona máis céntrica. Coa chegada do Partido Popular ao Goberno, a actuación estivo a piques de non realizarse. “Pouco faltou para perder a subvención”, critica Fran Leiro, que tamén entende que a falta de interese por parte de Telmo Martín á hora de executar estas obras queda reflectida no emprazamento que se elixiu, así como a falta de promoción e de sinalización do mesmo. “Moita xente que vén a Sanxenxo nin sequera sabe que temos un parque canino. Desde o Concello non se promociona o máis mínimo nin se fai un mantemento mínimo”, denuncia o voceiro do BNG. Leiro ten claro que en materia de mascotas Sanxenxo atópase “a anos luz” doutros municipios da contorna, como O Grove, Vilagarcía ou Pontevedra, que contan con praias, parques e espazos “perfectamente habilitados e debidamente coidados para cans e mascotas”.
O abandono do parque canino “é un exemplo máis da nefasta xestión de quen se considera un gran xestor, como é o señor Telmo Martín, a quen lle gusta presumir que Sanxenxo é un destino turístico de referencia, pero que é incapaz de dar resposta a unha demanda como esta”, critica Fran Leiro. “Non hai que esquecer”, engade o nacionalista, “que cada vez son máis os establecementos e locais que permiten mascotas no seu interior, xa que tamén está a aumentar o número de visitantes que viaxan cos seus cans. Pero parece que isto é algo que descoñece o señor Martín, para quen a xestión do Concello no verán se limita a actuar a 300 metros á redonda da praia de Silgar”, conclúe Leiro.