- — O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Lalín, José Crespo, visitaron esta mañá as obras que se están a acometer nesta infraestrutura
- Merelles salienta o potencial da Vía da Prata, que está a medrar a un ritmo do 20% cunha crecente internacionalización dos peregrinos que a transitan
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Lalín, José Crespo, as obras que o Goberno galego está a realizar na ponte histórica de Pontenoufe, pola que discorre a Vía da Prata. Tras a visita, Merelles puxo en valor o potencial deste itinerario xacobeo que medra a un ritmo do 20% e que considera “clave” na diversificación do Camiño de Santiago.
Xosé Merelles referiuse aos traballos que se están a realizar en Pontenoufe como exemplo do compromiso da Xunta por velar polos valores históricos do Camiño e mellorar as infraestruturas e o patrimonio asociado ao xacobeo, para desfrute de peregrinos e veciños. Cun investimento de 150.000 euros, nesta ponte levarase a cabo unha actuación integral de rehabilitación, que permitirá dotar de seguridade a infraestrutura e recuperar o seu valor patrimonial. Así, levaranse a cabo tarefas de limpeza e desbroce nas ribeiras do leito fluvial e nas inmediacións da ponte e promoverase a escavación naquelas zonas con exceso de terra e restos orgánicos acumulados para recuperar o trazado da canle do río e facer que a auga circule polos catro arcos da ponte.
Tamén se levantará o pavimento de asfalto e se demolerán elementos alleos de pedra e formigón que condicionaban a recuperación da orixinalidade da obra. Limparase de vexetación a ponte e na súa plataforma realizarase un gravado coa forma da cuncha do peregrino, para indicar o paso do Camiño.
Máis de 6.000 peregrinos
En Lalín, Xosé Merelles salientou a importancia destes traballos para favorecer a dinamización dos diferentes itinerarios xacobeos. Referiuse aos máis de 6.000 peregrinos que percorreron a Vía da Prata no que vai de ano e puxo en valor a súa crecente internacionalización con viandantes procedentes de Portugal, Italia, Alemaña ou Francia, entre outros países.
“Este dinamismo das rutas xacobeas está a dinamizar de xeito importante o rural galego tendo en conta que o peregrino é un tipo de visitante especial, que permanece máis días na nosa comunidade, cun nivel de impacto económico equiparable ao de tres turistas nacionais”, explicou Xosé Merelles.
Neste sentido, lembrou que o Goberno autonómico conta cun investimento de 140M€ no marco do Plan Director dos Camiños de Santiago ata o horizonte de 2027, para seguir traballando na mellora, promoción e diversificación dos diferentes itinerarios xacobeos co foco posto, especialmente, na premisa da sostibilidade.