O rexedor, Luís Pérez e a concelleira de Medio Ambiente e Benestar Animal, Antía Alberte desprazáronse ata a Insuela (Palmeira) para anunciar as novas praias habilitadas para acudir con mascotas no concello de Ribeira.
Pérez Barral manifestou que ista é unha medida moi agardada e demandada polos amigos/as dos animais. Comunicou que están habilitadas 3 pequenas calas da Insuela para poder utilizar todo o ano e con horarios ilimiatado; son as calas que están entre “Punta Aguiúncho” e a “Pedra da Igrexa dos Mouros”.
Ademais destas tres calas en Insuela tamén se habilita outra con horario na parroquia de Ribeira que é a praia da “Gavoteira” que está xusto antes da Praia do Touro con horarios establecidos entre as 20:00 e as 11:00 horas do día seguinte. Estas praias súmanse á de Couso que leva habilitada dende o ano pasado. “Con esta medida o Concello de Ribeira xa ten 5 praias en 3 parroquias diferentes e polo tanto seguimos avanzando no compromiso establecido ca veciñanza” finalizou Luís Pérez.
A concelleira de Benestar Animal tamén incidiu que é unha demanda veciñal á que se lle dá resposta. Antía Alberte argumentou que “na nosa contorna aniña a píllara da dunas, ave protexida e en perigo de extinción que só aniña no litoral Atlántico, co cal, nos meses de aniñamento débese ter moito coidado cos cans para evitar danar as postas nos areais. Segundo detallou “os ovos son moi pequenos e están camuflados e os cans poden comer nun momento os ovos de aí a problemática aínda que a intención do dono é pasear co can pola praia para que goce da natureza”.
Alberte quixo remarcar e poñer en coñecemento da veciñanza que a praia de Coroso é un areal catalogado como de presenza de píllara, “e por exemplo, a de Couso está como de potencial aniñamento; isto significa que nalgún momento os axentes ambientales da Xunta de Galicia xa a teñen catalogada como área a reservar, obrigando a ter períodos nos que se pode ir co can e outros que non”.
O períodos de aniñamento son do 15 de marzo ata o 15 de xullo, período nos que non se pode por lexislación levar ao can a esas praias afectadas pola Píllara.
A concelleira de Medio Ambiente e Benestar Animal mostrou a súa alegría por sumar novos areais e de facer que Ribeira sexa unha referencia ao apostar polo benestar animal.