O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo da Festa do Mar de Combarro
A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de The Rapants que se celebrará este venres 23 de agosto a partir das 23:00 horas na Praza da Chousa de Combarro (Poio). Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
The Rapants é unha das bandas máis populares do momento, cunha proposta de indie e garage que achega frescura ao panorama musical galego con temas animados e directos enérxicos. O grupo presentará en Combarro algúns dos seus temas máis populares e o seu novo traballo, “La máquina del buen rollo”.
O concerto de The Rapants forma parte da programación de concertos da Festa do Mar de Combarro, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.