Os nacionalistas fanse eco das queixas de numerosos veciños e visitantes pola escasez de colectores e as frecuencias de recollida, insuficientes para poder garantir un servizo axeitado durante toda a tempada estival
O voceiro do Bloque, Fran Leiro, lamenta que o alcalde “volva deixar en evidencia a súa incapacidade de xestión” e advirte de que nos dous últimos meses “atopámonos cunha situación lamentable e malos cheiros” en diferentes emprazamentos urbáns e rurais do municipio
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia, unha vez máis, a incapacidade de xestión e a inacción permanente do Goberno municipal de Telmo Martín, que está a protagonizar “un dos peores veráns dos últimos anos”. Unha nova proba desta situación é o aspecto de insalubridade e malos cheiros que se veñen rexistrando desde o comezo da tempada estival en numerosos emprazamentos, tanto nos núcleos máis urbáns como no rural.
Os nacionalistas fanse eco das críticas e do malestar que lles trasladan numerosos veciños e veciñas de diferentes parroquias, enfadados pola imaxe que transmiten os colectores cheos de lixo, un feito que “nin moito menos é puntual”, advirte o voceiro do Bloque, Fran Leiro. “Desde o BNG levamos xa advertindo desde o inicio do verán que o número de recipientes é insuficiente. Se a iso lle sumamos que as frecuencias, en moitos casos, tampouco chegan para poder retirar o lixo atopámonos con malos cheiros e unha estampa de insalubridade que dista moito das falsas imaxes de seriedade e limpeza que o señor Martín pretende vender ao resto do mundo”, sinala o concelleiro da oposición.
Leiro sinala que lugares como as inmediacións dos portos de Sanxenxo e Portonovo, ademais de zonas como Palacios, Noalla ou Nantes, padecen este problema desde finais de xuño. “Non é un problema dos operarios, senón da falta de previsión do señor Telmo Martín, ao que tanto lle gusta o autobombo e autodefinirse como un bo xestor, cando é todo o contrario”, critica o voceiro do BNG de Sanxenxo, que responsabiliza ao rexedor de que “os comerciantes, hostaleiros, veciños e veciñas e turistas non dispoñen de colectores suficientes para poder depositar o lixo, polo que en moitas zonas hai que convivir cun feísmo e unha insalubridade impropia dun concello como Sanxenxo”.
A xuízo dos nacionalistas, os problemas derivados da pésima xestión da recollida do lixo só é unha proba máis do “peor verán dos últimos anos” protagonizado polo Goberno local do Partido Popular e por Telmo Martín, quen “sube impostos á veciñanza e mellora o seu soldo ao tempo que deixa en precario o funcionamento de moitos servizos básicos”, conclúe Leiro.