Ourense será o punto de saída da etapa de LaVuelta, que o xoves irá desde a cidade até a estación de Manzaneda
A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo de tráfico motivado polo paso pola cidade da volta ciclista a España, cuxa etapa número 12 sairá da cidade pasado mañá, xoves, 29 de agosto, con destino á estación de montaña de Manzaneda. A proba deportiva requirirá realizar cortes e restricións de tráfico para garantir a realización do evento deportivo dentro das marxes de seguridade.
A etapa sairá da Avenida Pardo de Cela e avanzará pola Praza Concepción Arenal, Rúa Concello, Parque de San Lázaro, Rúa Curros Enriquez e Avenida Otero Pedrayo. Por este motivo, o corte de tráfico comezará ás 13.30 h, ata a finalización, que se prevé para as 14.20 h.
Porén, as restricións comezarán xa mañá, mércores, 28 de agosto, con motivo dos traballos de montaxe da saída da carreira. Así, desde as 18.00 h de mañá até o xoves ás 10.00 h, restrinxirase o tráfico rodado nas rúas Pardo de Cela, Dalí, Xesús Soria e no tramo inferior da rúa Remedios (desde a rúa Greco), permitíndose o acceso de residentes aos seus garaxes. Desde as 10.00 h do xoves, pecharanse ao tráfico na súa totalidade, de xeito que non poderán acceder os residentes aos garaxes, até que remate o evento.
Os vehículos que queiran acceder á rúa Avilés de Taramancos e os que accedan a garaxes desa vía, desde mañá, mércores, ás 18:00 h e ata o xoves, 29, ás 17:15 h, farano pola rúa Ponte Pedriña.
Restricións de tráfico do xoves, 29
O xoves 29 desde as 10:00 h pecharanse ao tráfico a rúa Saenz Díez, no treito comprendido entre Samuel Eiján e a Praza Concepción Arenal, o tramo inferior da Habana e a rúa Concello. O tráfico nestas vías restablecerase tras o paso dos ciclistas.
Na Avenida de Otero Pedrayo, desde as 13:40 h cortarase o tráfico en sentido ascendente, quedando aberto ao tráfico rodado durante o transcurso da carreira as vías de servizo e en sentido descendente.
Con motivo do paso da Caravana Ciclista, cortarase o tráfico na Ponte Nova en sentido centro cidade e, xa desde a mañá do xoves 29 librarase de vehículos a rúa Concello e a rúa Francisco Llorens.
Tras a finalización da carreira (ás 14:20 h), só quedará cortada ao tráfico a Avenida Pardo de Cela ata as 17:30 h para a desmontaxe do posto de saída, restablecéndose o tráfico rodado cando finalicen os traballos.
Aparcadoiro de equipos
Os vehículos dos equipos situaranse na Ponte do Milenio, que quedará pechada ao tráfico o xoves desde as 10:00 h até que remate a proba.
Itinerarios alternativos
Os vehículos que queiran acceder ao centro da cidade tanto o mércores 28 como o xoves 29 de agosto poderán continuar pola Avenida Ribeira Sacra (N-120) e a Rúa Otero Pedrayo ou ben continuar pola Ponte Novísima e acceder pola Rúa Basilio Álvarez e a Ponte Nova. O xoves 29 de agosto manterase este itinerario, salvo na franxa horaria de 13:30 h ata 14:20 h que se verá afectada pola saída da volta.