O servizo de transporte público no Concello de Oleiros segue a sufrir importantes deficiencias. Tal e como denunciaba o Goberno municipal, as modificacións realizadas o 29 de xullo seguen sen resolver os problemas creados desde os cambios efectuados o 22 de xuño. Son moitas as persoas usuarias que seguen a dirixirse ao Concello queixándose de retrasos e de autobuses saturados, deixando en ocasións a persoas nas paradas sen poder montar.
Co comezo das obras de ampliación de Alfonso e ante o inicio do curso escolar o próximo día 11 de setembro, é preciso optimizar o servizo de transporte público para mellorar a mobilidade. Por poñer un exemplo, non é de recibo que a primeira hora da mañá, cando existe unha alta demanda de desprazamentos dirección A Coruña e o tráfico é máis denso, as localidades de Lorbé, Dexo, Mera e parte de Dorneda, en total máis de 5.000 habitantes, só dispoñan dun único servizo entre as 7 e as 8:30 horas.
O Concello volveu dirixirse por escrito á Xunta para demandar o incremento de frecuencias nas horas punta mediante a recuperación de todos os servizos eliminados desde o 22 de xuño, mediante unha redistribución horaria axustada ás necesidades xerais da cidadanía.