- Trátase do proceso clínico con mortalidade hospitalaria máis alta actualmente nos hospitais, tres veces maior que o infarto agudo de miocardio, sete veces maior que o ictus e trece veces maior que os accidentes de tráfico
- Na Área Sanitaria podería haber polo menos uns 3-10 casos ao día
- De cara ao futuro, plantéxanse iniciativas co servizo de Informática cara a poder realizar unha selección de pacientes que poideran presentar cadros de sepsis a través dun sistema de alerta automatizada
Con motivo do Día Mundial da Sepsis que se celebra cada ano o día 13 de setembro, o “Equipo Código Sepsis” da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés lembra a importancia desta enfermidade e concienciar aos profesionais sanitarios, aos xestores e á poboación sobre o impacto clínico que xera a sepsis.
A incidencia aumenta ao redor dun 2 % cada ano debido a diversos factores, entre eles o envellecemento da poboación, o aumento da esperanza de vida dos pacientes pluripatolóxicos, o incremento do número de pacientes inmunodeprimidos e a aplicación
cada vez máis frecuente de tratamentos quimioterápicos e de cirurxías agresivas.
Segundo sinala o coordinador do “Equipo Código Sepsis” da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, o doutor Ignacio Cenoz Osinaga, “calcúlase que hai entre 1 e 4 novos casos ao día de sepsis por cada 100.000 habitantes, polo que na nosa Área Sanitaria podería haber polo menos uns 3-10 casos ao día. Trátase do proceso clínico con mortalidade hospitalaria máis alta actualmente nos hospitais, tres veces maior que o infarto agudo de miocardio, sete veces maior que o ictus e trece veces maior que os accidentes de tráfico. En Europa calcúlase que ten un custo duns 18.000 euros por cada episodio de sepsis grave”.
Atención integral e multidisciplinar
Os mellores resultados obtéñense cando se realiza cunha atención integral, multidisciplinar, considerando esta síndrome como un proceso transversal clínico. Neste senso, consideran crucial formar aos profesionais sanitarios con protocolos específicos, coñecer e difundir o problema, seguir investigando métodos diagnósticos máis rápidos e eficaces, e profundar en novos tratamentos, máis dirixidos e eficaces contra a sepsis.
O reto de futuro pasa por implementar novas estratexias asistenciais de atención a través da axuda dos sistemas informáticos. Neste senso, a Área Sanitaria está a plantexar iniciativas co servizo de Informática cara a poder realizar unha seleccion de pacientes que poideran presentar cadros de sepsis, a través dun sistema de alerta automatizada.
Potenciación da capacidade de detección
En opinión dos componentes do “Equipo Código Sepsis” da Área Sanitaria de Pontevedra- O Salnés, ao poder contar co apoio informático para potenciar esta capacidade de detección, poderáse mellorar a asistencia específica para este tipo de pacientes.
O doutor Ignacio Cenoz subliña que “no momento actual, cómpre potenciar esta actividade tan necesaria para mellorar os resultados asistenciais. Este 13 de setembro, Día Mundial da Sepsis, é un bo momento para avanzar nos esforzos que lle adicamos a esta asistencia, polo que convidamos a todos, xestores, profesionais de todas as categorías profesionais e á poboación en xeral a tomar conciencia desta enfermidade para tentar previla ou, no seu caso, diagnosticala e tratala precozmente e do xeito máis eficaz”.