A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar na presentación dos equipos da A.D. Carballal que competirán nesta temporada 2024/2025. Sánchez fixo un recoñecemento aos deportistas que forman parte do club e deu a benvida ás novas incorporacións así como amosou o seu convencemento de que na nova temporada “colleitaredes grandes éxitos, como cada ano”. Neste eido recordou “o soñado e merecido ascenso á Liga Ouro do equipo feminino” e felicitou á entidade “por non descoidar ningunha das súas categorías, desde a base”. Ademais, a vicepresidenta aproveitou a ocasión para tender as mans do Goberno provincial, manifestando que “o deporte é unha das nosas grandes prioridades e por iso temos as portas abertas para escoitarvos e tomar en consideración as vosas demandas”.