Do 13 ao 16 de setembro, A Pobra do Caramiñal está inmersa no Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Catro intensas xornadas con numerosas propostas de lecer para tódolos públicos que comezou co pregón a cargo da Protectora Moura dende o balcón da casa consistorial, a cal estivo representada por catro voluntarias da entidade e Brandon, un can á espera dunha familia no centro de recollida de animais abandonados que acaba de ser adoptado. E foron moitas as persoas que se animaron a asistir a este acto acompañadas das súas mascotas.
Dende o Concello optouse por servir así de altofalante para un colectivo que leva 16 anos defendendo aos animais mediante a protección e rescate daqueles en situación desfavorecida ou de desamparo, ademais da xestión e seguimento das adopcións, como ben explicou o alcalde, José Carlos Vidal, na súa intervención. Un labor cuxo motor, segundo destacou o rexedor, é a compaixón: “o amor por excelencia porque non espera nada a cambio. É un amor desinteresado. Unicamente se trata de dar, de axudar a quen máis o necesita, neste caso, aos animais. Se hai algo capaz de facer milagres é a compaixón. Non hai poder nin forza máis poderosa.” Vidal quixo tamén agradece-lo traballo da comisión de festas.
Iria Pérez, presidenta de Moura; Natalia Brión, secretaria; María José Casais, voluntaria; e Tania Rivas, coordinadora das redes sociais; quixeron agradece-lo apoio do conxunto da sociedade e os avances que se produciron en materia de benestar animal ao longo dos anos no municipio a través, por exemplo, da creación do centro de recollida de animais abandonados. “É un traballo duro. Día a día sucédense os avisos e as peticións de axuda. Vemos moitas veces cousas terribles e, en ocasións, rematamos a xornada cansas e a piques de tirar a toalla, pero sempre o esforzo paga a pena e as cousas boas pesan moito máis na balanza ca as cousas malas. Por iso seguimos aquí: para darlle voz a quen non a ten e para procurarlles finais felices a todos e cada un dos nosos protexidos”, manifestou a presidenta de Moura. Un deles é Brandon, un pastor alemán de 10 anos. Na súa vida previa permaneceu oito anos atado a un poste co mínimo para sobrevivir ata que, dous anos e medio atrás, chegou á protectora. E esta historia ten un final feliz: nuns días irá coa súa nova familia.
No remate, como xa é tradición, procedeuse coa sinatura no libro de honra do Concello e a entrega do agasallo institucional: nesta ocasión, un raposo de cerámica dada a natureza da asociación.
A vertente relixiosa destes festexos estará protagonizada pola procesión votiva das mortallas que sairá, ás 10.30 horas, do domingo 15, dende a igrexa de Santiago do Deán. A presenza de artistas locais como Maneiro e Human, o tributo a Michael Jackson ou as orquestras Olympus e París de Noia son unha mostra da variedade e calidade do apartado lúdico dunha celebración que servirá para despedi-la época estival e que terá como colofón o espectáculo combinado de drons, de Flock Drone Art, e fogos de artificio ao compás da música, o primeiro destas características en toda Galicia, no luns 16, festivo local.