A única centenaria que reside no municipio celebrou o aniversario con toda a súa familia composta de sobriños, bisobriños e os fillos dos bisobriños aos que axudou a criar.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e a concelleira de Asuntos Sociais, Nieves Boullosa desprazáronse ata a vivenda de Laura Cerviño Blanco, veciña de Rozas, en San Cristovo de Couso, e felicitáronlle o seu 100 cumpreanos en nome da Corporación Municipal.
Durante a visita fixéronlle entrega dun ramo de flores e unha placa conmemorativa desexándolle que goce da súa familia da celebración deste evento tan sinalado e que converte a Laura Cerviño na única centenaria que reside na actualidade no municipio.
Laura Cerviño celebrou o seu século de vida na compaña de toda a súa familia dun xeito moi entrañable xa que ligada a ela hai varias xeracións de veciños que manteñen vivo o seu cariño e compromiso vital con Campo Lameiro ao longo dos anos. Aínda que é solteira, Laura axudou a criar aos sobriños, bisobriños e aos fillos dos bisobriños como si fora súa avoa. Traballou toda a vida na casa e nos labores da labranza.
Carlos Costa felicitou a Laura Cerviño polos seus cen anos de vida e desexoulle que disfrutara de toda a xornada na compaña de toda a súa familia “en paz e harmonía porque si hai unha cousa segura na vida é a importancia de ter preto de un aos seus seres queridos en todas as ocasións e circunstancias. Laura representa o mellor dunha xeración que non o tivo nada fácil e que deu todo por sacar adiante á súa familia en circunstancias moi difícles. Laura viviu os periodos máis complicados da historia do noso país e está aí para contalo e para ser un exemplo vital do esforzo e sacrificio dos nosos maiores. Parabéns e que cumpras moitos maís”, dixo o alcalde de Campo Lameiro.