O sábado, 21 de setembro, celébrase o Día Mundial do Alzhéimer, unha enfermidade que afecta a unha de cada dez persoas maiores de 65 anos e a un terzo das que teñen máis de 85. O lema deste ano, “Somos específic@s”, pretende reivindicar a singularidade e especificidade desta demencia. A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, sinala que “é fundamental recoñecer as particularidades do Alzhéimer para garantir unha atención adecuada, específica e adaptada ás necesidades das persoas que a sofren, as súas familias, favorecer a investigación e seguir sumando recursos efectivos”. Nes liña van encamiñadas as actividades que organiza o Concello de Redondela en colaboración coa asociación Afaga Alzhéimer. Mañá venres Afaga instalará poñer unha mesa informativa nos soportais do Concello para ofrecer asesoramento e orientación sobre esta enfermidades e outras demencias. Desde a tarde do venres a Casa do Concello iluminarase de verde co gallo da conmemoración desta data.
Charla informativa “Como abordar o coidado da persoa coidadora”
O martes, día 24, ás 18.00 horas, celebrarase no auditorio da Xunqueira unha charla informativa titulada “Aspectos legais: Como abordar o coidado da persoa coidadora”. Esta charla, dirixida a familiares e persoas coidadoras, será impartida polo psicólogo Gonzalo Soliño e a avogada Rosa Poveda. Estes expertos de Afaga falarán sobre que é a enfermidade de Alzhéimer e os recursos existentes para as persoas afectadas. Tamén explicarán os trámites a seguir unha vez que se recibe o diagnóstico, así como o coidado da persoa coidadora para evitar o síndrome de “burnout”. Na segunda parte falarase das medidas de apoio a persoas con discapacidade, de como desaparece a figura da “Tutela” e aparece a de “Curatela”. Outras cuestións que se abordarán serán o Testamento vital e como actuar non día a día coa administración pública, Sergas ou entidades bancarias.
A charla está aberta á participación de toda a cidadanía. A concelleira Iria Vilaboa sinala que “o Alzhéimer é unha realidade moi presente na nosa vida e así hai que mostrala á sociedade”, e fai un chamamento á veciñanza para que participen, “porque o Alzhéimer é cousa de todos”.