A deputada de Política Social, Patricia Torres, acompañou na visita ás delegacións internacionais representadas en Termatalia e aos investigadores e relatores do Congreso Internacional da Auga da Universidade de Vigo que puideron coñecer in situ os dous balnearios dos que dispón o municipio
A Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño, a través da concellería de Termalismo e da de Turismo, organizaron unha visita á vila termal do Carballiño dirixida ás delegacións internacionais representadas en Termatalia e aos investigadores e relatores do Congreso Internacional da Auga da Universidade de Vigo.
A deputada provincial de Política Social, Patricia Torres, participou nesta xornada técnica que permitiu aos participantes visitar a única vila da provincia con dous balnearios en funcionamento. Durante a mesma, puideron coñecer as instalacións dos dous balnearios do municipio, así como afondar na historia e tradición desta vila termal da man do seu alcalde, Francisco Fumega.
Esta visita técnica a O Carballiño permitiu promocionar o presente e o futuro termal da vila entre profesionais e expertos mundiais que traballan no ámbito do termalismo.