A semana comezou cunha nova multa de Augas de Galiza ao concello da Estrada. “Unha máis” lamenta o voceiro nacionalista – Xoán Reices – e lembra que o concello xa tivo que pagar máis de 15.000 € en multas só este ano. Esta vez a multa foi de 3.200 €, pero houbo ocasións nas que se tiveron que pagar até 7.500 €. “Non só é un problema medioambiental nin económico, é un problema de preguiza do goberno local. Non se fai ningún tipo de mantemento das arquetas e sumidoiros e despois xa se pagarán as multas, unha política que nos sae cara” consideran desde o BNG.
Desde a formación nacionalista lembran tamén que a inicios deste mes houbo un novo vertido na praia fluvial do río Liñares e a pesar de que se tivo que desprazar até o lugar a policía local e técnicos de Augas de Galiza o goberno local nin sequera puxo un cartaz de aviso para restrinxir o baño. Tras este incidente o Bloque solicitou no pleno as análises da calidade das augas da praia fluvial pero, tras case un mes, aínda non recibiron a información. “É unha estratexia habitual do alcalde cando pedimos información delicada, non responder e deixar pasar o tempo. Pero nós non nos esquecemos”, acusan desde o BNG.