O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Alvárez presentaron hoxe as obras que se levarán a cabo o próximo ano e que, entre as actuacións previstas, inclúen a ampliación do edificio en planta baixa, unha nave cuberta e aberta para gardar os remolques de transporte das embarcacións ou un novo vestiario accesible
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras da nave de deportes náuticos da Sociedade Deportiva Tirán por máis de 288.000 euros, no marco do convenio aprobado o mes pasado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e o Concello de Moaña por case 329.000 euros.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Alvárez, visitaron hoxe as instalacións para presentar os traballos que se van a realizar e lembraron que a colaboración a tres bandas -cunha achega de máis de 90.000 euros en cada caso- permitirá dotar ao club de remo da localidade dunha sede con mellores condicións. Sinalaron que está previsto que os traballos empecen a comezos do próximo ano cun prazo de execución aproximado de tres meses.
Ao acto tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín, e representantes da Sociedade Deportiva Tirán.
Ao abeiro desta colaboración, a Secretaría Xeral para o Deporte asumiu a redacción do proxecto, mentres que Portos de Galicia licitará e executará as obras e o Concello de Moaña encargarase do posterior mantemento do espazo unha vez rematados os traballos.
Segundo recolle o proxecto que hoxe se vén de licitar, a reforma da nave incluirá a ampliación do edificio en planta baixa, cunha nave cuberta e aberta para gardar os remolques de transporte das embarcacións e un novo vestiario accesible na planta baixa. Ademais, nesta planta eliminaranse os desniveis existentes no interior da nave principal para dispoñer dun percorrido integramente practicable.
As obras incluirán tamén a reparación e pintado das fachadas, mellorando a imaxe do edificio, e a reparación dos elementos estruturais das cubertas que se atopan deteriorados. Finalmente, instalaranse un novo sistema de evacuación de augas pluviais e de reforzo en caso de incendio.
Por outra parte, Diego Calvo lembrou os vínculos que no caso das traiñeiras unen deporte coa cultura e tradición e puxo en valor os éxitos da Sociedade Deportiva Tirán, que na súa categoría da Liga A da Liga Galega de Traiñeiras deste ano quedou no terceiro posto. Ademais, o equipo feminino competiu ata esta tempada na Eustroken Liga, competición de elite nacional do remo feminino.